spot_img
InicioO MorrazoCangas do MorrazoO alumnado premiado no proxecto da RAG Primavera das Letras homenaxea a...

O alumnado premiado no proxecto da RAG Primavera das Letras homenaxea a Antonio Fraguas con regueifas, teatro e coplas populares

O alumnado premiado no proxecto da RAG Primavera das Letras homenaxea a Antonio Fraguas con regueifas, teatro e coplas popularesO concurso premia os traballos arredor da vida e obra de Antonio Fraguas dos CEIP de San Roque de Darbo (Cangas) e da Ponte do Porto (Camariñas) e do CPI de Bembibre (Val do Dubra).

Atrás quedou o 17 de maio, pero hoxe volveu ser un día grande na celebración das Letras Galegas dedicadas a Antonio Fraguas. A Real Academia Galega recibiu máis dun cento de alumnas e alumnos dos tres centros gañadores do concurso Contádenos o voso Día das Letras, que puxeron en escena unha pequena mostra dos seus traballos. Regueifas, teatro e investigación etnográfica escolar encheron a Academia da man dos colexios San Roque de Darbo (Cangas), Bembibre (Val do Dubra) e da Ponte de Porto (Camariñas), tres fórmulas divertidas e efectivas para se mergullar na vida e obra de don Antonio e na riqueza da cultura popular que contribuíu a preservar. Incluída “a maior construción do pobo galego, a lingua”, salientou o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes. “Antonio Fraguas estaría hoxe feliz de estar aquí, entre todas e todos construídes un río grande de esperanza para a nosa lingua”, agradeceu a mantedora do acto, a académica Fina Casalderrey.

A Real Academia Galega convoca o concurso Contádenos o voso Día das Letras no marco do proxecto Primavera das Letras, que fornece desde 2016 a comunidade escolar de infantil e primaria de contidos lúdicos e didácticos arredor da figura homenaxeada no Día das Letras Galegas. O proxecto conta co apoio económico da Deputación da Coruña e o certame, creado en 2017, desenvólvese coa colaboración das editoriais Xerais, Galaxia, Kalandraka e Bolanda na dotación dos galardóns, un lote de libros para cada centro.

O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, abriu e pechou o acto, acompañado por Avelino Martínez, sobriño de Antonio Fraguas, quen agradeceu en nome da familia esta nova homenaxe ao etnógrafo, xeógrafo e docente. Unha homenaxe, salientou Fina Casalderrey, na que participaron máis de 80 centros educativos de toda Galicia, cuxos traballos poden verse na web de Primavera das Letras.

Tanto Víctor F. Freixanes como Fina Casalderrey agradeceron especialmente o labor do profesorado, o do presente no acto e o de todo o colectivo, “por todo o que facedes por esta nosa lingua pola que tamén tanto traballou Antonio Fraguas”. “Vós, coma el, levades ese selo dos bos e xenerosos que saben facer maxia, fabricando escenarios onde non os hai, facendo horas extra, coma hoxe, que tan só son computadas, se cadra, na memoria e nos corazóns dos vosos alumnos e alumnas”, engadiu Fina Casalderrey.

CEIP de San Roque de Darbo: unha regueifa que implicou a todo o colexio

O traballo en equipo e a expresión artística tamén están na cerna da proposta do CEIP de San Roque de Arbo de Cangas do Morrazo. “O equipo de dinamización da lingua galega (EDLG) do colexio, coa mestra María Arias como coordinadora, tivo a idea de realizar un proxecto sobre a figura de Antonio Fraguas que implicase a todo o centro”, explica a mestra de música  Sara Chorén.  Sara, que realizara un curso sobre poesía improvisada e regueifa no concello, propuxo que cada curso escribise unha estrofa que relatase algún aspecto da vida e da obra de Antonio Fraguas, dende o seu nacemento ata o pasamento. Do seguinte paso, a interpretación que se ve no vídeo gañador, encargouse unha representación do alumnado de cada clase.

Na súa intervención de hoxe na Real Academia Galega, alumnos e alumnas de sexto de primaria volveron tirar da arte de regueifar, desta volta para agradecer un galardón que recolleron acompañados dos profesores Félix Solla, Emilio Salgueiro, Ana Gil e María José Díaz.

- Publicidade -spot_img