spot_img
InicioBaixo MiñoO alcalde de Tui solicitou á directora de Turismo de Galicia o...

O alcalde de Tui solicitou á directora de Turismo de Galicia o apoio ao proxecto do Cárcere Vello

O cárcere vello de Tui, converterase nun centro de acollida de peregrinos e visitantes
Recreación da zona recreativa do Centro Cárcere Vello de Tui

Na maña de hoxe, 28 de xaneiro, o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, mantivo un encontro coa directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, para presentarlle o proxecto de intervención no edificio municipal do “Cárcere Vello” coa finalidade de convertelo nun centro de acollida a visitantes e peregrinos e que contribúa á posta en valor da nosa cidade e dos seus recursos patrimoniais e turísticos.

A iniciativa tudense foi favorablemente acollida pola directora de Turismo de Galicia tras trasladarlle o alcalde a petición dunha posible colaboración no financiamento deste centro que quere configurarse como un recurso turístico e cultural de primeiro nivel que busca prolongar a estadía media do turista na cidade e a dinamización económica de toda a zona histórica, así como contribuír á valoración do conxunto patrimonial tudense tanto para visitantes, turistas e peregrinos como para a propia veciñanza.

O alcalde de Tui estivo acompañado polo concelleiro de Patrimonio, Turismo e Camiño de Santiago, Laureano Alonso. No decurso da reunión de traballo, na que tamén estaba presente o director de Administración do Xacobeo, Ildefonso de la Campa, analizaron amais  algunhas das necesidades de intervención na traza da ruta xacobea en Tui.

O cárcere vello de Tui, converterase nun centro de acollida de peregrinos e visitantes

Concretamente, na petición municipal de abordar melloras na Fonte do Ouro ou de Freanxo e na Ponte das Febres. No primeiro caso para unha mellora estética do lugar e do seu entorno, en no segundo caso, para unha prolongación da actual pasarela de madeira que incremente a seguridade no paso dos peregrinos.

Coincidiron os representantes do Concello de Tui e de Turismo de Galicia en reclamar diante do Ministerio de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana a execución do proxecto de humanización da fronteira tudense, entrada do Camiño en Tui / Galicia / España e que presenta un desleixo que cómpre corrixir.

 

O cárcere vello, situado na rúa Sanz en pleno Camiño de Santiago, data de 1.584 e acolleu as antigas Escolas Taller. O proxecto redactado pola empresa Trivium pretende poñer en valor o magnífico patrimonio e legado histórico de Tui. Os espazos expositivos contarán coa tecnoloxía máis punteira. Os visitantes poderán realizar experiencias audiovisuais inmersivas a través de holografías e paneis interactivos que percorrerán as diversas etapas históricas da cidade e os seus mais egrexios veciños. A exposición permanente contará cunha sala dedicada en exclusiva ao Camiño Portugués a Santiago.

O Centro Cárcere Vello de Tui está previsto sexa tamén un lugar de acollida de peregrinos que disporán dunha consigna onde poderán gardar os seus vultos e visitar tranquilamente o centro da cidade. O complexo disporá dunha zona recreativa con espazos verdes, fonte, bancos, aparcadoiro para bicicletas, e servizos de venda de bebidas. O patio do Cárcere Vello estará aberto para conformar unha nova praza pública para o goce de tudenses e visitantes.

O cárcere vello de Tui, converterase nun centro de acollida de peregrinos e visitantes
Recreación da zona recreativa do Centro Cárcere Vello de Tui

O Centro Cárcere Vello será completamente accesible grazas á instalación de elementos de mobilidade e paneis informativos adaptados para persoas con diversidade funcional e cognitiva. Contará ademais cun Programa Didáctico, con varios espazos reservados a tal fin, con actividades e visitas dirixidas á comunidade educativa.

- Publicidade -spot_img