
Unha decena de adegas participan nesta edición, que se desenvolverá na praza do Calvario todo o fin de semana.
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, inaugurou onte pola tarde o acto oficial de apertura no que tamén estiveron presentes o vicepresidente, Alfonso Rueda, o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, a secretaria xeral de Turismo de Galicia, Nava Castro e o secretario Xeral para o deporte, Lete Lasa, acompañados polo presidente do Consello Regulador, Juan Gil de Araujo, e do secretario xeral, Ramón Huidobro, ademais do alcalde do Concello do Rosal, Jesús María Fernández Portela e outras autoridades.
José María Toro, comentarista gastronómico foi o encargado este ano de ler o pregón. No seu discurso, Toro eloxiou a “alta calidade dos viños da Denominación de Orixe Rías Baixas”. Relatou como cando cumpría o servizo militar en Figueirido, coñeceu que “existía un viño afrutado, lixeiramente acedo e convidaba a acompañar outro dos vosos manxares: o peixe e o marisco”. Desde entón, “sen darme conta, convertérame nun representante dos vosos viños e non paraba de falar aos meus amigos das bondades do viño elaborado nesta zona do Rosal”
O alcalde, Jesús María Fernández Portela, asegurou que «os asistentes poderán degustar o excelente viño branco, acompañándoo con tapas como empanadillas, tortilla e por suposto produtos do mar».
4200 metros cadrados dedicados ao lecer e a promoción dos produtos típicos
Durante os tres días que dura a Feira do Viño do Rosal o municipio paralízase para mostrar ao exterior o mellor de si, abrir novos mercados, gozar da contorna en boa compañía, practicar deporte e como non, deleitar os seus padais cos mellores caldos do sur de Galicia.
Cultura e deporte
Cabe destacar que de maneira paralela tamén se celebran iniciativas culturais que versan sobre pintura, cerámica, fotografía ou escultura. Pola súa banda o grupo filatélico e numismático Val do Rosal realiza tódolos anos un cuño conmemorativo relacionado coa temática vinícola e que se estampa en toda a correspondencia que eses días sae do Rosal.
Doutra banda tamén levan a cabo eventos deportivos tales como o Mini Fútbol Feira do Viño e a carreira 10k O Rosal “Feira do Viño” na que un máximo de 600 corredores completan catro percorridos a traves de diferentes adegas e que suman un total de 10 quilómetros. Dita carreira conta coa colaboración conxunta do Concello do Rosal e os deportistas rosaleiros Serafín Martínez e Óscar Vicente.




