spot_img
InicioVigo e áreaVigoNove creadoras e creadores formados en Esdemga reivindican nunha exposición o protagonismo...

Nove creadoras e creadores formados en Esdemga reivindican nunha exposición o protagonismo do grafismo na moda

Nove creadoras e creadores formados en Esdemga reivindican nunha exposición o protagonismo do grafismo na modaSon nove artistas formados en Esdemga e as súas obras amosan nove xeitos de reivindicar o protagonismo do grafismo na moda.

Revista COUSAS DE Nº13

Este xoves inaugurouse na Casa Galega da Cultura a exposición Caderno gráfico. Exploración con técnicas gráficas no deseño téxtil, unha proposta comisariada pola profesora Patricia Dopico e na que Universidade e Concello de Vigo volven amosar publicamente a súa aposta conxunta pola valorización da creatividade artística que ten como xerme as aulas da Facultade de Belas Artes.

Nove creadoras e creadores formados en Esdemga reivindican nunha exposición o protagonismo do grafismo na moda
Natalia Caparrini, Abel Losada e Patricia Dopico na inauguración da mostra

Capitaneados por Dopico, África Abadín, Alejandro Sierra, Anaïs Kerbrat, Denise Pena Lestón, Lucas Cabaleiro, Lupita Hard, Noemí Montenegro, Sabela Juncal e Silvia Marra estiveron acompañados na apertura da mostra pola vicerreitora de Estudantado e Empregabilidade, Natalia Caparrini, e o concelleiro de Cultura, Abel Losada. Foi, precisamente, a vicerreitora a encargada de presentar o acto, intre que aproveitou para agradecer a presenza dos artistas, do público e das autoridades e para pór en valor a colaboración Concello-Universidade, unha alianza grazas á cal a Casa Galega da Cultura, situada en pleno corazón da cidade de Vigo, é xa lugar habitual de exposicións para o alumnado da UVigo. Foi tamén, tal e como ela mesma explicou, a súa despedida como vicerreitora de Cultura, competencias que agora dependerán da vicerreitora Susana Reboreda.

A xenerosidade de amosar probas que “a miúdo fican ocultas”

De dar os detalles da mostra fíxose cargo a comisaria, Patricia Dopico,  que foi tamén a encargada de guiar unha breve visita pola sala. “O traballo gráfico e a metodoloxía centrada na experimentación e no proceso artístico forman parte do ADN de Esdemga e dos estudos do Mestrado universitario en deseño e dirección creativa en moda”, explicou Dopico, ao tempo que fixo fincapé en que as sinerxías establecidas ao compartir espazos de formación con outras ensinanzas artísticas, así como os talleres e as tecnoloxías que o estudantado emprega libremente, reflíctense á perfección nas propostas creativas desta mostra.

“Os deseñadores e deseñadoras son xenerosos ao deixar que nos asomemos ao seu proceso de creación a través de probas ou de documentos que a miúdo fican ocultos”, explicou a comisaria, docente do Departamento de Debuxo.

Nove miradas, nove xeitos de achegarse á realidade social e cultural

Tal e como se explica Dopico no propio catálogo da exposición, a conceptualización, o punto de partida do proceso creativo, é diverso. Nalgunhas propostas a mirada vólvese á infancia ou á intimidade familiar; noutras diríxese a lugares máis remotos como o espazo exterior ou a culturas como a americana ou a asiática.

Nove creadoras e creadores formados en Esdemga reivindican nunha exposición o protagonismo do grafismo na moda

Ata o 4 de setembro na Casa Galega da Cultura

A exposición manterase aberta ata o vindeiro 4 de setembro na Casa Galega da Cultura. As persoas interesadas en visitala poden facelo de luns a venres en horario de 18.00 a 21.00 horas, e tamén durante as fins de semana e festivos, no seu horario habitual de apertura (sábados de 12.00 a 14.00 h e de 18.00 a 21.00 h e domingos e festivos de 12.00 a 14.00 h).

- Publicidade -spot_img