spot_img
InicioO Salnés"Noite de Terror" na Biblioteca de Sanxenxo

“Noite de Terror” na Biblioteca de Sanxenxo

"Noite de Terror" na Biblioteca de SanxenxoUn éxito de participación. Así cualificaron desde a Concellaría de Cultura e Educación a última edición da “Noite de Terror” celebrada na Biblioteca Emilia Pardo Bazán, á que acudiron preto dun centenar de nenos e nenas.

“A experiencia xa tivo unha gran acollida o ano pasado e esperabamos igual nivel de asistencia nesta ocasión, pero superáronse as nosas expectativas máis optimistas triplicando o número de participantes de 2013”, comentaron desde o departamento municipal, engadindo que foi necesario pechar o prazo de inscricións dous días antes da celebración desta actividade debido a que excedían xa a capacidade da biblioteca.

Así, foron un total de 91 nenos e nenas, con idades que oscilaban entre os 10 anos dos alumnos de 5º curso de Primaria e os 15 dos de 3º de ESO, os que se sumaron a esta iniciativa de carácter gratuíto.

A “Noite de Terror” estivo programada e realizada polo persoal do departamento de Bibliotecas e de Animación Sociocultural, co obxectivo de lograr que os estudantes gocen dunha noite diferente entre libros, contos, historias, aventuras e moitas actividades que “mesturan medo e diversión a partes iguais”.

Nesta cuarta convocatoria tamén colaborou a Asociación Andarela, que se caracterizou de Santa Compaña, achegando deste xeito a tradición galega aos nenos e nenas.

Do mesmo xeito que na anterior edición, esta acción tivo un carácter solidario xa que os asistentes achegaron alimentos non perecedoiros destinados ao grupo parroquial de Cáritas, sumando máis de 100 quilos de alimentos e 115 litros de leite, zume e aceite que nos próximos días serán entregados aos responsables da agrupación local.

Esta actividade desenvolveuse desde as 22.00 horas do venres até as 10.00 horas do sábado no Pazo Emilia Pardo Bazán, onde os escolares protagonizaron xogos, contos de medo e unha yincana para lograr obxectos que lles inmunizaron contra bruxas, demos e outros seres de ultratumba.

- Publicidade -spot_img