O proxecto, cun investimento de máis de 73.000 euros, tamén contempla unha área recreativa infantil, a distribución de novos espazos de xogos e a colocación de mobiliario urbano
O Concello de Nigrán rehabilitará a antiga escola infantil situada nos arredores do centro cultural O Torreiro de Priegue cun investimento de máis de 73.000 euros (73.895,45), procedentes do Plan Concellos 2016 da Deputación de Pontevedra e incluído nos orzamentos para este ano que se levarán a pleno o vindeiro 3 de marzo. Con esta intervención, o goberno local cumpre así coas demandas que viñan realizando entidades sociais e veciñais desta parroquia co obxecto de dispoñer dun local acondicionado no que levar a cabo as súas actividades.
As actuacións previstas non só contemplan a reforma interior da edificación, á que se dotará dun baño adaptado, unha oficina e unha zona de espazos comúns, e a súa rampa de acceso, senón que suporá, ademais, a mellora do aspecto e funcionamento da súa contorna.
Así, durante os dous meses de execución das obras, recuperarase o parque infantil existente, actualmente en estado de deterioro e cun céspede artificial reutilizado, colocarase novo mobiliario urbano, como bancos, papeleiras e unha fonte, e distribuiranse os espazos de xogos, tanto para a petanca como para a pista multideportes. Tanto a área recreativa infantil como a zona de multixogos e petanca contarán cunha nova iluminación e delimitaranse cunha cerca, retirando a existente.
“Queremos crear un recinto pechado e seguro para as nenas e os nenos de Priegue, pero sobre todo, que as asociacións sociais e culturais desta parroquia, que dedican moito tempo e esforzo a mellorar a vida dos seus veciños, poidan ter un espazo en óptimas condicións, como o da antiga escola, para desenvolver a súa programación”, apunta o alcalde de Nigrán, Juan González.





