spot_img
InicioVal MiñorNigránNigrán promociona o seu patrimonio arqueolóxico sinalizando tres novas rutas divulgativas con...

Nigrán promociona o seu patrimonio arqueolóxico sinalizando tres novas rutas divulgativas con petroglifos antes descoñecidos

Nigrán promociona o seu patrimonio arqueolóxico sinalizando tres novas rutas divulgativas con petroglifos antes descoñecidosO Concello de Nigrán promociona o seu patrimonio arqueolóxico sinalizando tres novas rutas divulgativas con petroglifos antes descoñecidos

O Concello de Nigrán, a través da financiación de 14.000 € da Deputación de Pontevedra, reforza a promoción do seu patrimonio arqueolóxico sinalizando tres novas rutas divulgativas nas zonas de Panxón-Monteferro, Outeiro Grande (Priegue/Camos) e Chandebrito. A iniciativa encádrase no proxecto ‘Marabillas do Patrimonio de Nigrán’ levado adiante pola empresa DOA, a mesma que realizou o estudo de prospección arqueolóxica do PXOM onde revelaron dez novos achados prehistóricos sorprendentes. Así, os veciños e visitantes poderán descubrir novos petroglifos completamente descoñecidos ata hai un ano, moitos deles só referenciados por algúns expertos pero inexistentes para as institucións e incluso  ocultos á vista pola maleza.

“O obxectivo que se pretende é difundir a riqueza neste eido ao tempo que se promociona o respeto aos xacementos e se preservan. Paralelamente,  amplíanse as posibilidades turísticas de Nigrán dándolle un pulo non estacional”, sinala o alcalde, Juan González. Así, os tres roteiros nacen grazas ás novas perspectivas xurdidas tras esta recente catalogación arqueolóxica na que se descubriron dez importantes achados prehistóricos, todos eles petroglifos que estaban sen documentar (analizáronse 170 elementos en todo Nigrán, máis do 90% consistentes en gravados, o que constata a gran riqueza patrimonial no municipio).Nigrán promociona o seu patrimonio arqueolóxico sinalizando tres novas rutas divulgativas con petroglifos antes descoñecidos

Estas tres novas rutas foron deseñadas despois de realizar unha selección na que, ademais do consabido interese arqueolóxico, se reúnen elementos naturais, paisaxísticos ou de cultura popular que resultan atractivos para unha gran cantidade de público. Así, os roteiros configuráronse mediante indicadores que sinalizan a dirección dos mesmos e, nos puntos exactos que se queren promocionar, instalaronse paneis explicativos (mediante códigos QR se pode ampliar a información virtualmente).

Na ruta Panxón-Monteferro recóllese unha oferta variada, tanto dende o punto de vista arqueolóxico (xacementos da época medieval, romana, castrexa e prehistórica) como paisaxístico (liña de costa e montes de piñeiros), naturais (áreas como Punta Lamela) ou etnográficos (Faro da Meda, baterías de defensa…). O percorrido, de 4´4 km,  iniciase en Panxón co arco visigótico e remata no petróglifo das Penisas Pequenas (Monteferro).

A ruta Outeiro Grande (parroquias de Priegue e Camos) é de 4,72 km e céntrase especialmente nos petróglifos porque é unha zona de gran concentración, ademais de ofrecer espectaculares vistas panorámicas da costa e un dos escasos túmulos identificados no Concello. Pasa polo Rouxo ou barrio da Mámoa.

O roteiro de Chandebrito, de 5 km, tamén ten nos petroglifos o seu maior atractivo, pero goza de características propias que o individualizan: os motivos dos gravados son máis variados (hai incluso representacións de animais, como o cervo milenario de ‘O Sueido’ que se atopa nun cortello privado) e se engade o propio valor da aldea tradicional do barrio da Igrexa ou do Castro de Chandebrito coas súas impresionantes vistas.

“Ao longo do tempo dende o Concello fixéronse intervencións puntuais e illadas neste eido, sen indicadores de rutas que aglutinen os xacementos ou cunha conservación deficiente da contorna. O obxectivo destas tres é que sexan visibles, accesibles, efectivas, duradeiras e con efecto prolongador de cara a futuras incorporacións”, sinala o rexedor.

- Publicidade -spot_img