O Concello de Nigrán conta desde este mes con dous representantes no Grupo Asesor de Participación Unicef-España tras ser aceptadas as candidaturas de Martín Rey Álvarez e Cayetana Guede Bernárdez, alumnos ambos do IES Val Miñor e integrantes do Consello Escolar Municipal desde a súa orixe.
Este logro destaca o talento de ámbolos dous, estudantes de excelencia, con gran compromiso social, e que xa falaran ante o Parlamento galego con motivo do Día Mundial da Infancia. Xunto a 3 representantes máis de Moaña, Ponteares e Teo, levarán a voz de Galicia a este grupo de traballo composto por 57 nenos e nenas de toda España. A maiores, Cayetana estará este luns 22 de abril no Congreso dos Deputados como unha das 8 crianzas de todo o país portavoces nun acto organizado pola ‘Plataforma Infancia’ á que pertence Unicef.
“Para o Concello de Nigrán é un orgullo que seleccionasen a Cayetana e Martín e sabemos que a súa presencia enriquecerá moitísimo a este grupo de traballo porque son persoas con moitas inquezandas e que sempre teñen propostas constructivas de cara a facer efectivos os dereitos da infancia”, explica o alcalde, Juan González, quen agarda que este sexa un paso máis de cara a que o Concello de Nigrán sexa distinguido co selo CAI (‘Cidade Amida da Infancia’ ) este mesmo ano. De feito, o goberno local mantén moi activo o Consello de Participación Infantil e Xuvenil’, órgano municipal creado no ano 2021 e que se reúne cada 15 días para, precisamente, situar na axenda local os verdadeiros intereses e necesidades de cativos e adolescentes, xa que a través del poden participar na vida política de Nigrán realizando propostas, seguindo as mesmas, pedindo información, etc
Un dos requerimentos para formar parte deste grupo asesor ao que Cayetana (1º da ESO) e Martín (2º de Bacharelato) presentaron a súa candidatura era ter un mínimo de 12 anos e 2 anos de experiencia no eido da participación infantil. Agora, co seu traballo búscase asegurar que as voces, ideas e propostas dos nenos, nenas e adolescentes sexan escoitadas e tidas en conta no Congreso dos Deputados, Parlamentos, elaboración de leis e noutros espazos… Ademais, en colaboración estreita con UNICEF España, confeccionarán e avaliarán as actividades e programas da organización de cara a que reflictan as necesidades, inquedanzas e aspiracións da infancia e adolescencia a nivel nacional. Para elo, este grupo reunirase online unha vez ao mes.