spot_img
InicioGaliciaCompostelaA exposición ‘Tesouros reais’ recibe un total de 10.000 visitas no seu...

A exposición ‘Tesouros reais’ recibe un total de 10.000 visitas no seu primeiro mes na Cidade da Cultura

a-exposicion-tesouros-reais-recibe-un-total-de-10-000-visitas-no-seu-primeiro-mes-na-cidade-da-cultura‘Tesouros reais’ amosa en Santiago de Compostela, como única cita en España, un tesouro artístico único no mundo, pertencente ao Terra Sancta Museum de Xerusalén

Revista Cousas de nº21

A exposición Tesouros reais. Obras mestras do Terra Sancta Museum recibiu xa un total de 10.000 visitas durante o seu primeiro mes de apertura no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura. Organizada pola Xunta de Galicia, en colaboración co Terra Sancta Museum de Xerusalén, a Custodia de Terra Santa e o Museu Calouste Gulbenkian de Lisboa, achega a Santiago de Compostela, por vez primeira e como única cita en España, un dos grandes tesouros históricos e artísticos do mundo, composto por ofrendas das grandes casas reais europeas a Terra Santa ao longo de medio milenio.

A mostra, que só percorrerá catro cidades do mundo antes de volver a Xerusalén (Lisboa, Santiago de Compostela e dúas citas máis en Europa e nos Estados Unidos aínda por desvelar), abriu as súas portas ao público o pasado 22 de marzo na Cidade da Cultura, onde pode visitarse, con entrada libre e de balde, ata o vindeiro 4 de agosto.

A exposición conta ademais cun programa de visitas comentadas de balde —destinadas tanto a público xeral como a centros educativos— que, ante a forte demanda, verá reforzada a súa oferta. Para asistir a unha visita guiada cómpre reservar praza previamente a través da web da Cidade da Cultura.

Un percorrido pola Historia

Tesouros reais. Obras mestras do Terra Sancta Museum viaxa pola historia das coroas de España, Portugal, Francia, o Sacro Imperio Romano-Xermánico e o Reino de Nápoles e Dúas Sicilias, que fixeron chegar a Xerusalén excepcionais conxuntos artísticos de ourivería, téxtiles, tapices, xoias ou cálices para seren utilizados no culto e na ornamentación da Basílica do Santo Sepulcro e outras igrexas deste territorio.

a-exposicion-tesouros-reais-recibe-un-total-de-10-000-visitas-no-seu-primeiro-mes-na-cidade-da-cultura

A exposición exhibe así relevos, altares, baldaquinos, cruces, báculos… obxectos dun valor artístico incalculable elaborados en ouro, prata e pedras preciosas, cos que as grandes casas reais católicas europeas pretendían demostrar o seu poder, e a súa devoción, nun lugar de profunda simboloxía espiritual.

O percorrido expositivo complétase con pezas arqueolóxicas, pictóricas e outras obras senlleiras das coleccións do Museu Calouste Gulbenkian, do Museo Nacional de Arte Antiga de Lisboa, da Biblioteca Nacional de Portugal ou da Colección BBVA, entre outras. Destacan tamén obras procedentes de institucións galegas como o Museo das Peregrinacións e o Museo da Catedral de Santiago, o Museo de Terra Santa do Convento de San Francisco de Compostela, o Museo Massó, o Museo Catedralicio e Diocesano de Mondoñedo; ou pezas senlleiras raramente vistas, pertencentes ás ordes de clausura de Santa Clara en Santiago de Compostela e das Madres Capuchinas de Oleiros.

Tesouros reais está comisariada polo historiador francés e membro do Comité Científico do Terra Sancta Museum, Jacques-Charles Gaffiot; a directora do Museo das Peregrinacións e de Santiago, Esperanza Gigirey; o conservador de Ourivería e Xoiaría do Museu Calouste Gulbenkian, André Afonso; e o ministro provincial da Orde Franciscana en Santiago de Compostela, Juan Manuel Buján.

- Publicidade -spot_img