O Concello de Nigrán conmemora este venres 24 e sábado 25 o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres con diferentes actos.
Así, coincidindo co Black Friday e a iniciativa do Centro de Información as Mulleres (CIM) do Concello de Nigrán, máis dun cento de establecementos do municipio “vestirán” o venres os seus escaparates de negro en sinal de loito polas víctimas de maltrato. Ao día seguinte, sábado 25, o Auditorio Municipal acollerá ás 18.00 horas un obradoiro de igualdade destinado ás crianzas e ás 20.00 horas o concerto de Mr.Happy, banda liderada pola cantante Isis e que realiza versións de clásicos do soul, rock ou funk, moitas delas cancións míticas de Aretha Franklin ou Amy Winehouse. Será tamén o sábado, antes do concerto, cando se lea no Auditorio o manifesto deste ano.
Baixo o lema ‘Nigrán en Negro’ o Concello propón “vestir” de loito os escaparates, maniquíes, mesas dos restaurantes ou mesmo o propio persoal traballador en sinal de dor por tódalas mulleres que sofren violencia ou que faleceron por mor dela. Así, o Centro Comercial A Ramallosa Siglo XXI xa confirmou a súa participación, a Asociación de Comerciantes Ovalmi colaborará tamén difundindo esta iniciativa entre os seus asociados e diversos centros educativos e culturais tamén se sumarán.
O Concello anima a tódolos establecementos a sumarse a esta campaña de sensibilización cidadá titulada #EnNegroContraAsViolencias e que se levará a cabo en 75 localidades de Galicia, para elo os interesados tan só deben contactar co CIM (986383081 ou cim@nigran.org). “Os establecementos comerciais e hostaleiros son os grandes protagonistas das nosas rúas, por iso precisamos a participación de todos, queremos mandar unha mensaxe unánime á veciñanza de denuncia e solidariedade, queremos un Nigrán libre de violencia”. Juan A. González, alcalde de Nigrán.
Ademáis dos actos do sábado 25 no Auditorio (dirixidos ás criazas co obradoiro de igualdade ás 18:00 horas e a un público máis adulto co concerto de Mr.Happy ás 20:00 horas) no vindeiro pleno do xoves 30 o goberno proporá unha declaración institucional de condea ante a violencia que sofren as mulleres.



