spot_img
InicioVal MiñorNigránNigrán abre os actos do Día da Muller coa inauguración da exposición...

Nigrán abre os actos do Día da Muller coa inauguración da exposición fotográfica de Ruth Matilda Anderson

O Concello de Nigrán abre mañá xoves 7 de marzo os actos do Día da Muller coa inauguración ás 12:00 horas no Auditorio Municipal da exposición ‘Unha mirada de antano. Fotografías de Ruth Matilda Anderson’, acto aberto a toda a veciñanza e que constará dunha visita guiada.

A exposición, froito dun convenio de colaboración entre Concello de Nigrán, Abanca, Hispanic Society e Afundación, recolle algunhas das imaxes máis señeiras tomadas pola fotógrafa e investigadora estadounidense Ruth Matilda Anderson nas súas dúas extensas expedicións a Galicia entre 1924-1926 encargadas dende a Hispanic Society of America. Esta mostra, aberta ata o 31 de marzo (de luns a venres de 11:00 a 13:00 e xoves, venres e sábados de 17:00 a 20:00), presta especial atención ás imaxes que tomou nas súas viaxes polo Val Miñor.

Ao día seguinte, venres 8 e Día da Muller, o goberno de Nigrán fai un chamamento á veciñanza a que acuda á concentración na Ramallosa ás 13:00 horas, para o que convoca a unha saída conxunta ás 11:50 dende a Praza do Concello.

Ao longo do mes o Concello ofrecerá tódolos venres de marzo proxeccións especiais de curtas, documentais e películas onde a muller é a protagonista. Ademais, o Concello recompila ata o 31 de marzo imaxes de mulleres de Nigrán tomadas antes de 1970

O día 15 proxectarase o documental galego ‘A viaxe de Ruth’,  da asociación Dous punto Oito. Este trata de rememorar a viaxe de Ruth Matilda facendo que un fotógrafo galego, Xosé Reigosa, percorra algúns dos máis importantes escenarios que Ruth fotografou, tratando onde sexa posible de realizar unha toma similar e comprobando cuanto cambiou Galicia dende aqueles anos a hoxe.

Paralelamente, e como homenaxe a Ruth Matilda, o Concello recompilará ata o 31 de marzo imaxes anteriores a 1970 nas que as protagonistas sexan mulleres do municipio co obxectivo de organizar posteriormente unha exposición con todo o material. As imaxes poden enviarse por mensaxe privada ao facebook ConcelloDeNigrán ou ao correo comunicacion@nigran.org indicando os datos de que se dispoñan (nome da muller/es, data e lugar da foto e actividade que está a realizar) ou ben acudindo coa mesma á Oficina de Información Cidadá do Concello de Nigrán (de 9:00 a 14:00 horas) para que sexa escaneada e entregada ao propietario no momento.

O Cineclub Alice Guy adicará o xoves 21 de marzo a proxección da película ‘La ciénaga’, un flime escrito e dirixido pola arxentina Lucrecia Martel e protagonizado por mulleres. Ao día seguinte, xoves 22, o cineclub ofrecerá un documental sobre as mulleres na industria conserveira dos anos 20.

O mes da muller finalizará o venres 29 coa proxección de dúas curtametraxes coa muller como eixo vertebrador, ‘Matria’, do vigués Álvaro Gago e premio do xurado en Sundance 2019, e ‘Mamasunción’ (Chano Piñeiro, 1984).

- Publicidade -spot_img