As Festas do Monte deron comezo oficialmente onte, co pregón do presidente do Real Club Celta de Vigo, Carlos Mouriño. Co Auditorio de San Bieito cheo, Mouriño dirixiuse aos guardeses e guardesas para encomiar a súa paixón e destreza no deporte; a mesma paixón, apuntou, que dedican na celebración das súas Festas do Monte. O tradicional Festival Folclórico puxo fin ao acto, coa actuación de sete grupos musicais que mantiveron ó público nos sentadoiros ata preto das 22.00 horas.
O acto inaugural das festas, presentado por Elena Baz, comezou pasadas as 20.00 horas no Auditorio de San Bieito. Máis de medio milleiro de persoas agardaban ó pregón do presidente do Celta, Carlos Mouriño, que viu precedido pola benvida do alcalde do Concello da Guarda, Antonio Lomba, animando a veciño e visitantes a gozar desta “celebración centenaria”.
O rexedor aproveitou para lembrar que será este venres ás 11.30 cando se inaugurarán a rúa Vigo, substituíndo á Primeira e Segunda Transversais Bechos; e a rúa do Celta, que substituirá a Terceira Transversal Bechos, nun acto ao que todas as veciñas e veciños están convidados.
Tamén quixeron dirixirse ao público o coordinador das Festas do Monte, Manuel Castro, e as deputadas provinciais Digna Rivas e Montserrat Magallanes. Esta última, tamén concelleira de Turismo no Concello da Guarda, puxo en valor a “magnífica” contorna coa que conta a vila mariñeira, froito da fusión do monte e o mar dos que debemos coidar. Neste mesmo sentido pronunciouse Manuel Castro, ao referirse á vital importancia do respecto e o coidado do monte ao que se deben estas festas. O coordinador dedicou un agradecemento especial á Carlos Mouriño, cuxa presencia nesta celebración se debe ó 25 aniversario da Peña celtista do Baixo Miño, e ao persoal do Concello que fai posible “que todos poidamos desfrutar destas festas”.
A Guarda está co Celta
“Aquí descubrimos o tríscele que loce a nosa camiseta” e forma parte da identidade do equipo celtista, sinalou o presidente do Real Club Celta de Vigo, Carlos Mouriño, ao referirse á vila da Guarda. Foi aquí, ademais e segundo recoñeceu durante o pregón, onde exerceu por primeira vez como guía turístico, sendo aínda un mozo.
Amais dos seus vínculos persoais coa nosa terra, o presidente do Celta referiuse ó mérito do Club de Balonmán Mecalia Atlético Guardés, recentes campionas da Liga, das que resaltou “a súa determinación e ambición”. A Peña do Baixo Miño tamén foi merecedora dos seus eloxios, tras “25 anos unindo Vigo e A Guarda con paixón e entusiasmo”.
Os grupos participantes no Festival Folclórico non foron esquecidos polo presidente celtista, que quixo agasallar aos seus representantes e á comisión das festas cun recordo do R.C. Celta en lembranza deste pregón.
Dende a organización, ademais, dedicouse un recoñecemento especial á Banda Negra, pioneira nas Festas do Monte con medio século de vida, e aos donos da Confeitaría Rogelio, que este ano tamén celebra o seu 50 aniversario como un dos locais máis lonxevos e queridos polos veciños da vila.
Música e baile nas Festas do Monte
O grupo de gaitas da Terceira Idade, Boalleira, Churumbela, a Asociación Folclórica Vento Mareiro, Doxe nun ano, Xamaraina e Trebón dos Xidos foron os grupos encargados de amenizar a noite tras o acto inaugural das festas, dentro do xa tradicional Festival Folclórico. Xa ás 22.30 horas, deu comezo a verbena na Alameda, coa actuación das orquestras Nevada e Jonnhy Maquinaria, que puxeron fin a esta primeira xornada das Festas do Monte 2017.
Esta noite serán América e Son D’ Vigo as orquestras encargadas de por a música e o baile na noite da Alameda, tras unha tarde marcada pola Festa Homenaxe á Terceira Idade que se celebrará no Auditorio de San Bieito e as mañás amenizadas polos pasacalles. A Guarda encherase de música, de baile e de festa ata o próximo martes 15 de agosto, co espectáculo pirotécnico a media noite no porto mariñeiro.



