spot_img
InicioLatinoaméricaArxentinaMiranda destaca en Bos Aires o papel das comunidades da diáspora na...

Miranda destaca en Bos Aires o papel das comunidades da diáspora na proxección e mellora da imaxe de Galicia en todo o mundo

miranda-destaca-bos-aires-papel-das-comunidades-da-diaspora-na-proxeccion-e-mellora-da-imaxe-galicia-mundoO secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, acompañado en todo momento polo delegado da Xunta en Arxentina e Uruguai, Alejandro López Dobarro, acudiu en Bos Aires á procesión marítima da Virxe do Carme, organizada pola Asociación Hijos del Ayuntamiento de Zas no popular barrio de La Boca.

No decurso da celebración gabou o labor realizado polos “galegas e galegos que un día tiveron que deixar a terra e asentarse aquí, para seguir construíndo Galicia na distancia e, desde logo, contribuír como poucos ao progreso e desenvolvemento de Arxentina”.

Trala celebración, visitou a sede da entidade, fundada en 1923, arestora con medio millar de socios, cuxa coordinadora é Beatriz Carballo, e integrante pola circunscrición de América da Comisión Delegada do Consello das Comunidades Galegas, máximo órgano de representación da diáspora.

O secretario xeral participou tamén na Feira de Colectividades, celebrada no popular e céntrico Predio Ferial de Dorrego y Conde, á que asisten decenas de miles de veciños e veciñas de Bos Aires, e cuxo protagonismo recaía este ano fundamentalmente nas comunidades galegas presentes na Arxentina. Miranda acudiu ao evento acompañado do delegado da Xunta, Alejandro López Dobarro, e tamén do embaixador de España nesa república, Francisco Javier Sandomingo.

Trátase dun evento de alta participación no que as entidades galegas da Arxentina concitan o interese do público xeral bonaerense, mellorando así a proxección turística e económica de Galicia na capital arxentina: por exemplo, das múltiplas celebracións do certame ‘Buenos Aires celebra’, á dedicada á nosa terra é a que máis participantes acada cada ano.

Rematou a súa axenda do día o alto cargo autonómico cunha visita a Asociación Benéfica Cultural Partido de Corcubión, fundada no ano 1922, que conta con máis de 800 socios e socias, e que preside Carlos Ameijeiras. Alí, o secretario xeral destacou que entidades coma esta manteñen a Galeguidade “nesta querida quinta provincia que os galegos de ben xamais esquecemos. Quero poñer en valor a vosa capacidade de plena integración na sociedade de recepción sen renunciar ao mantemento da nosa cultura e valores: sodes exemplo de que é compatible ser arxentino e galego, galego e arxentino”, salientou Miranda.

- Publicidade -spot_img