Inicio Galicia Compostela Alfombristas de tres continentes reúnense a favor da paz na meta do...

Alfombristas de tres continentes reúnense a favor da paz na meta do Camiño de Santiago co apoio de Turismo de Galicia

alfombristas-tres-continentes-reunense-favor-da-paz-na-meta-do-camino-santiago-co-apoio-turismo-galiciaA praza do Obradoiro énchese de cor cunha vintena de alfombras florais realizadas por artesáns de Xapón, México, Italia, Alemaña e seis comunidades españolas

A praza do Obradoiro acolle hoxe unha imaxe inédita cunha vintena de alfombras florais realizadas por máis de 200 artesáns de ata tres continentes reunidos por primeira vez no proxecto Alfombras no Camiño de Santiago, arte efémera para a paz do mundo, co apoio de Turismo de Galicia. As creacións, rematadas durante a noite despois de horas de traballo, son este domingo motivo de admiración de galegos e turistas e esta mañá protagonizaron os actos centrais desta celebración, cun acto simbólico pola paz no que participou a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro.

O proxecto, desenvolvido durante toda a fin de semana na capital galega, é promovido pola Comisión Internacional de Alfombristas de Arte Efémera, a Federació Catalana d’Entitats Catifaires e a Coordinadora de Alfombristas Galegos. Na cita participan dous asociacións de alfombristas de Italia e México, ademais das procedentes de Xapón e Alemaña e de seis comunidades españolas: Asturias, Canarias, Castela-A Mancha, Castela e León, Cataluña e Galicia. A Comunidade galega conta coa presenza de sete colectivos diferentes de concellos das catro provincias: Bueu, Burela, Cangas, Ponteareas, Redondela, Rianxo e Ribadavia.

“Todas as alfombras son distintas, con técnicas e materiais diferentes, pero todas comparten un substrato común e hoxe máis que nunca, un obxectivo único: a paz”, afirmou Nava Castro no acto institucional celebrado tras a misa do peregrino no claustro de San Martín Pinario. A directora de Turismo agradeceu aos organizadores o esforzo na preparación deste encontro e animoulles a exhibir o seu patrimonio inmaterial en outras prazas de todo o mundo.

Exposición ‘Confluencias da arte’

Nava Castro confiou en que esta mensaxe, formulada desde a tradición e a cultura na que se expresan pobos diversos, espállese ao longo dos Camiños de Santiago cos peregrinos de preto de 170 nacionalidades que este año xa o percorreron. “Todos eles conflúen aquí cos seus mellores valores de solidariedade e convivencia. Alí onde hai un peregrino que un día na súa vida camiñou ata Santiago de Compostela permanece o espírito desta ruta de paz”, declarou a titular de Turismo da Xunta. Na súa intervención, tivo tamén palabras de recordo para as vítimas dos atentados de Barcelona e Cambrils e os seus familiares e amigos.

Todas as alfombras teñen forma de vieira, como símbolo do Camiño de Santiago, e xuntas forman unha grande manifestación artística que adquire esta mesma forma.

O encontro, que comezou o venres e que inclúe a exposición Confluencias da arte, no claustro de San Martín Pinario, completouse cun concerto da Banda de Música de Ribadavia na praza da Inmaculada. As alfombras poderán ser visitadas durante toda a tarde de hoxe.

As delegacións participantes e os títulos das súas alfombras son as seguintes:

-Alfombristas Mexicanos (Huatmantla, Tlaxcala, México): Domitsu (Pomba)
-Asoc. Alfombristas de Carrión de los Condes (Palencia): Un Camiño de paz
-Asoc. Alfombristas de La Orotava (Canarias): O Camiño monumental
-Asoc. de Amigos de las Alfombras de Serrín del Corpus de Elche de la Sierra: A templanza
-Asoc. Culturarte (Noto, Sicilia, Italia): Dirección Santiago 2017
-Asoc. El Pampillo (Castropol, Asturias): Lenda da cruz dos ánxeles de Asturias
-Asoc. Nacional Città dell’Infiorata (Genzano di Roma, Lacio, Italia): A paz está na nosa man
-Federació Catalana d’Entitats Catifaires (Cataluña): Somos xente de paz
-Infiorata Associates Tokyo (Tokyo, Xapón): A flor non ten fronteiras, paz de flores
-La Octava Noche (Uriangato, Guanajuato, México): Pinandikua (Paz en lingua purépecha)
-Katholischen Pfarrgemeinde Sankt Jakobus (Karlsdorf-Neuthard, Baden, Alemaña): Elixe amor e paz
-Alfombristas Corpus As Monxas (Ponteareas): Rosetón pola paz
-Asoc. Cultural de Alfombristas de Bueu: A paz é o Camiño
-Burela: A luz é guía dun Camiño cheo de cultura e diversidade
-Redondela: Festas do Corpus e pomba da paz
-Cangas: Peregrinos pola paz
-Rianxo: O mar feito tradición
-Ribadavia: Vendima

- Publicidade -

ÚLTIMA REVISTA

+ VISTOS

ETIQUETAS

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies