spot_img
InicioLatinoaméricaA Xunta asina dous acordos de colaboración coas dúas das mutuas sanitarias...

A Xunta asina dous acordos de colaboración coas dúas das mutuas sanitarias máis importantes de Uruguai, fundadas por galegos

xunta-asina-dous-acordos-colaboracion-coas-duas-das-mutuas-sanitarias-mais-importantes-uruguai-fundadas-galegosO secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, acompañado en todo momento polo delegado da Xunta en Arxentina e Uruguai, Alejandro López Dobarro, asinou en Montevideo cadanseu convenio de colaboración en materia social e asistencial coa Asociación Española Primera de Socorros Mutuos, e coa Casa de Galicia.

Trátase de dous novos acordos, entre os moitos que se asinan cada ano coas comunidades galegas da diáspora, que reforzan o labor de apoio da Xunta ao traballo desenvolvido por estas entidades en favor dos paisanos residentes do Exterior e en situación de maior necesidade.

O acordo coa ‘Española’, dotado con 20.000 euros, ten por obxecto a condonación total ou parcial das cotas que dan dereito á asistencia sociosanitaria, e copagamento de medicamentos, aos asociados de orixe galego e descendentes que se atopan en situación de carencia, tendo en conta criterios como a situación económica, idade e a antigüidade como socios. A redución, segundo os casos, é do 100, 50 ou 25 por cento.

Durante a sinatura, Miranda fixo fincapé en que “a emigración galega caracterizouse desde o primeiro momento pola solidariedade cos máis desfavorecidos. Da capacidade de poñerse na pel do outro, e botarlle unha man cando máis o necesita, naceu a inmensa maioría das mutuas do continente americano, e boa parte delas -e desde logo as máis senlleiras no Uruguai- foron creadas por galegos. Este é un motivo de orgullo para todas e tódolos galegos de ben”.

A ‘Asociación Española Primera de Socorros Mutuos’, fundada en 1953, é unha mutua que proporciona cobertura sanitaria a máis de 170.000 persoas (das que 30.000 teñen orixe galega), referente entre os centros asistenciais do sur de América, e que foi recoñecida solemnemente polo Senado uruguaio. Conta cun hospital de 26.500 m2 e 452 camas, así como catro sedes secundarias, cinco policlínicas e catro unidades de internamento, entre outras dotacións que a converten en punteira do seu sector no Uruguai.

Casa de Galicia

O outro acordo, dotado con 35.000 euros, asinouno Miranda coa Casa de Galicia, e ten por obxecto contribuír á atención das necesidades sanitarias e socio asistenciais básicas daquelas persoas de orixe ou ascendencia galega, con nacionalidade española e residentes en Montevideo, que se atopen en situación de carencia ou xubilación con ingresos mínimos e non poidan afrontar este gasto ao non estar cubertas polos sistemas públicos de asistencia social.

A Casa de Galicia de Montevideo, fundada en 1917, é o centro galego con maior número de socios en todo o mundo, máis de 58.000. Creouse como sociedade de “instrución, recreo, beneficencia, sanidade e protección ao traballo”, e xestiona un sanatorio policlínico central e outros oito policlínicos zonais, que dispoñen de laboratorios de análise clínicas, salas de hemodinámica, quirófanos e área pediátrica. Presta de xeito excepcional cobertura sanitaria gratuíta ás persoas que se atopen en situación de grave dificultade.

Durante a sinatura, Miranda destacou precisamente que “como o centro galego con maior número de socios en todo o mundo, esta entidade é para todos -tanto para os que traballamos directamente no ámbito da Galeguidade, como para tódalas e tódolos galegos de ben- un orgullo e un exemplo”.

Ocasión demográfica

O secretario xeral da Emigración foi ademais recibido polo conselleiro de Emprego e Seguridade Social da Embaixada española en Uruguai, Benito Díez, de orixe galega, con quen departiu sobre diversos asuntos vinculados á ampla colectividade galega residente no país: segundo os datos do INE, 41.111 persoas, das que 4 de cada 5 naceron xa na diáspora.

Posteriormente, mantivo tamén un encontro cos mozos e mozas galegos residentes en Uruguai beneficiarios das primeiras ‘Bolsas Excelencia Mocidade Exterior’, tal e como fixera na xornada anterior cos seus compañeiros arxentinos. Miranda recordou tralo encontro que “estes mozos e mozas, galegos e galegas do Exterior, supoñen desde o punto de vista demográfico unha oportunidade excepcional para Galicia”.

- Publicidade -spot_img