A limpeza enmárcase no programa PLANCTON, que xa leva retiradas máis de 44 toneladas de residuos dos fondos e costas de Galicia
15 embarcacións e 62 mergulladores e persoas voluntarias convocadas por Afundación traballaron onte na retirada de residuos nos fondos e pantaláns do Porto Deportivo da Confraría de Pescadores de Bouzas, do porto Asociación de Mariñeiros San Miguel de Bouzas, e en zonas limítrofes na Ría de Vigo, no marco do programa PLANCTON da Obra Social de ABANCA.
Nesta nova limpeza participaron submarinistas da Asociación de Mariñeiros Artesanais e Deportivos San Miguel de Bouzas, da Confraría de pescadores de Vigo-Mariña Deportiva de Bouzas e do Liceo Marítimo de Bouzas, que se mergullaron entre as 10 e as 12 horas da mañá, para retirar lixo dos fondos. Atoparon fundamentalmente pneumáticos, cabos, cordas e outros aparellos relacionados coa actividade pesqueira pero tamén outros vinculados á actividade en terra como unhas gafas, unha papeleira, unha batería de coche, tellas e taboleiros de obra, unha malla metálica de 30 metros, mangueiras, unha barandilla de obra e ata un saco con 5 quilos de patacas dentro, segundo constataron as persoas voluntarias de ABANCA e Afundación encargadas de realizar os labores de clasificación e pesada coas que se puxo fin a esta actividade. Na xornada colaboraron tamén outras entidades como a Asociación de Busca e Salvamento de Galicia, a Federación Galega de Actividades Subacuáticas, Protección Civil de Bouzas, o Concello de Vigo, a Área Portuaria de Bouzas e o Porto de Vigo.
Trala limpeza de hoxe, son xa máis de 45 as toneladas de residuos retiradas no marco de PLANCTON en distintos puntos da costa de Galicia, 20 no que vai de ano. Neste contexto, e ao longo de todo este mes de xuño, no que coinciden varias efemérides ambientais como o Día do Medio Ambiente e o Día Mundial dos Océanos, que se conmemoraron a pasada semana, ou o Día das Xentes do Mar que se celebrará o vindeiro 25 de xuño, a Obra Social de ABANCA ven organizando distintas actividades, como as recentes limpezas realizadas nas praias de Samil e da iIla de Cortegada.
O obxectivo de todas as accións e en xeral do proxecto é fomentar a conservación e a sostibilidade das actividades socioeconómicas realizadas no mar, tratando de promover a súa vez entre a sociedade, xeitos de actuar responsables que permitan manter os recursos sen chegar a comprometelos para as xeracións futuras, todo elo, acorde ao compromiso de ABANCA e a súa Obra Social cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, especialmente cos ODS13 Acción polo clima, ODS14 Vida submariña e ODS17 Alianzas para lograr obxectivos.






