A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, recibiu hoxe na Praza do Obradoiro aos máis de 300 nenos e nenas saharauis que están a participar en Galicia no programa ‘Vacacións en Paz’ e ás súas familias de acollida. Na súa intervención asegurou que dita acollida “fainos mellores persoas e máis solidarios”.
Beatriz Mato deu un “agarimoso saúdo” a estas familias e agradeceu a súa participación neste programa que cumpre xa 24 anos en Galicia e “permite aos pequenos a posibilidade de vivir experiencias e vivencias moi diferentes ao seu día a día, contribuíndo á súa formación e desenvolvemento persoal”.
Non obstante, a titular de Benestar valorou que “o que os nenos achegan ás familias é aínda máis valioso, provoca que nos reformulemos moitas cousas, ás que damos máis importancia da que teñen e é unha experiencia que dá a oportunidade de frear, de saír do estrés cotiá, de ver o mundo coa inocencia dun neno, que é o modo máis bonito de velo e, sen dúbida, o modo máis feliz”.
Mato felicitou a Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (SOGAPS) pola organización do programa e por todas as iniciativas que desenvolven neste eido, para o que contan co apoio da Xunta. De feito, hai uns meses o vicepresidente visitou os campamentos de Tinduf, onde puido comprobar o proxecto que desenvolve a entidade e no que o Goberno galego colabora directamente na prestación de axuda e material sanitario, así como a construción dunha casa para médicos cunha inversión de 100.000 euros anuais.
Polo que respecta á Consellería de Traballo e Benestar, o departamento autonómico apoia a Solidariedade Galega do Pobo Saharauí no desenvolvemento do programa Vacacións en Paz a través dun convenio anual que volverá a asinarse este ano.




