·Publicidade ·spot_img
InicioO MorrazoMarínMarín restaura un cadro pintado por Torres durante a pandemia de 1918

Marín restaura un cadro pintado por Torres durante a pandemia de 1918

Marín restaura un cadro pintado por Torres durante a pandemia de 1918O artista marinense viu paralizada a súa actividade académica durante aquela traxedia, que lle permitiu adicar máis tempo á pintura. A concelleira Itziar Álvarez asegura que este é un  exemplo de como a cultura serve “como ponte entre grandes fitos da nosa historia”.

A epidemia de gripe de 1918 foi unha pandemia global que tamén afectou á vila de Marín. Debido a esta crise sanitaria, a vida académica quedou paralizada. Así que o noso pintor Manuel Torres, que era docente tivo que tomar unhas vacacións forzosas durante as que tivo que adicar máis tempo á pintura.

José Trasande, director do Colexio San Luíz Gonzaga e capelán do Inmaculada Concepción, animou a Torres nesta tarefa, proporcionándolle todo o material que necesitaba: un cabalete, lenzo, pinturas… Tamén Sor Dolores Mosquera, da Inmaculada, permitiulle facer uso dos materiais que alí había, facilitándolle estampas para copiar.

Unha delas foi “Los niños comiendo pasteles”, de Murillo, un óleo sobre lenzo de 1917. Ese é o cadro que o Concello de Marín está a restaurar, para poder expoñelo proximamente no Museo Manuel Torres, unha peza única que ata agora non estivera nunca exposta ao público.

A concelleira Itziar Álvarez visitou á restauradora Eva Fontoira, que é a que se está encargando de traballar no cadro do artista marinense, para coñecer o avance. Segundo indicou a especialista, a pesar da necesidade da restauración, o cadro atopábase en “bastante bo estado”, pero gañará en viveza e luminosidade co proceso que se lle está a aplicar.

“Para nós é unha gran nova poder restaurar esta obra do noso artista pictórico de referencia, sobre todo coa enorme carga simbólica que supón que Torres a pintase durante a última pandemia acontecida no noso país, dadas as circunstancias que estamos vivindo”, asegurou a edil, que engadiu que cousas como estas axudan a que vexamos a cultura e a arte “como unha ponte entre os grandes fitos da nosa historia”.

Esta restauración enmárcase na conmemoración do Ano Torres, que así a todo viu a súa programación totalmente afectada pola pandemia do coronavirus. De feito, sobre esta historia, o Concello realizou unha peza audiovisual durante a época do confinamento, baixo o cancelo #ACulturaSegue. Pode verse neste enlace: https://www.facebook.com/watch/?v=594957827765525

- Publicidade -spot_img

Publicidade



Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies