spot_img
InicioPontevedra e ÁreaPontevedraMariana Carballal, María Vázquez e Belli Martínez son as triunfadoras da terceira...

Mariana Carballal, María Vázquez e Belli Martínez son as triunfadoras da terceira edición dos Premios Mulleres no Foco que entrega a Deputación

mariana-carballal-maria-vazquez-e-belli-martinez-son-as-triunfadoras-da-terceira-edicion-dos-premios-mulleres-no-foco-que-entrega-a-deputacionO presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, recoñeceu o talento e a traxectoria das premiadas e do resto de nominadas nunha gala amenizada coa música do grupo Fillas de Cassandra

Revista Cousas De Nº19

As actrices Mariana Carballal e María Vázquez, así como a produtora Beli Martínez son as gañadoras da terceira edición dos premios Mulleres no Foco entregados este venres no auditorio da sede de Afundación de Pontevedra. Un certame promovido pola Deputación e a Asociación de Mulleres CIMA que ten o obxectivo de dar visibilidade ao papel da muller no sector do audiovisual. Na cerimonia de entrega destes galardóns, que estivo amenizada coa música do grupo Fillas de Cassandra e contou coa presencia de representantes do audiovisual galego e da Administración, participou o presidente provincial, Luis López, que recoñeceu o talento, pero sobre todo o traballo das tres premiadas e das outras dezasete nominadas para conseguir que a muller teña a representatividade que merece no noso cinema.

“Hai unha provincia que todos os días se formula en feminino, e nese espello nos miramos a diario. Esa provincia de mulleres anónimas que dan pasos silenciosos pero cruciais para derrubar barreiras no fogar e no traballo, esa provincia da escritora María Xosé Queizán, da campioa Tere Abelleira, da doutora África González, da Maxistrada Paz Filgueira e de tantas outras que son líderes nos seus respectivos eidos. Ou a provincia das vinte nominadas a estes premios. Ser candidata a recibir un destes premios significa que o voso traballo transcende, e que a vosa obra é moito máis que unha moi boa produción”, reivindicou o mandatario Luis López.

Da produtora guardesa Beli Martínez, destacou Luis López que “é unha pioneira da sétima arte” capaz de abrir camiños para as novas xeracións tanto nos seus traballos como no seu labor de docente. O “compromiso” de Mariana Carballal coa cultura o cinema do noso territorio “ábrese a todos os eidos: á dirección, á docencia, á animación sociocultural, á televisión e tamén á gran pantalla”, subliñou o dirixente provincial. O “rostro familiar” da intérprete María Vázquez é un poder que a viguesa emprega para exercer de referente na “visibilización da muller no audiovisual”, remarcou o presidente. De todas elas e do conxunto de profesionais que compoñen a Asociación de Mulleres Cineastas e de Medios Audiovisuais (CIMA), confesou que “representan perfectamente a loita pola igualdade”.

Estas tres profesionais de dilatada e exitosa traxectoria foron as seleccionadas polo xurado, entre un total de vinte nominadas, que “todas reunides os méritos suficientes para ser merecedoras do Mulleres no Foco de 2024”, admitiu López; para subir ao escenario e recoller un galardón dotado cun premio de 5.00 euros pero, sobre todo, co “recoñecemento do público e de tantas mulleres aí fóra”.

Poñendo o foco nas verdadeiras protagonistas e a razón de ser desta gala, Luis López recoñeceu que “aínda queda camiño para que a igualdade deixe de ser un desexo” e compartiu unha reflexión: “Está moi ben considerar a igualdade como unha meta, sempre que traballemos incansablemente para cruzala algún día de verdade. Todas e todos”.

Rematou o presidente da Deputación o seu reivindicativo discurso lamentando que aínda queden persoas “cun foco demasiado cativo para entender que na igualdade, cantas máis visións, cantas máis complicidade, canta máis pluralidade, mellor”.

“Máis que un reto, é unha obriga acadar esa sociedade igualitaria”, dixo Luis López no remate da terceira edición da gala Mulleres no Foco que conducirá, “co apoio da Deputación de Pontevedra, que vai seguir situando a igualdade no centro da súa acción, e coa vosa implicación imprescindible; cara a unha provincia na que a igualdade irá a máis”.

- Publicidade -spot_img

[adrotate group="3"]
[adrotate group="2"]
[adrotate group="4"]
[adrotate group="5"]

Información das cookies

Este sitio web utiliza cookies para que poidamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies gárdase no teu navegador e realiza funcións como recoñecelo cando volves ao noso sitio web e axudar ao noso equipo a comprender que seccións do sitio web che resultan máis interesantes e útiles.