Inicio Reportaxes María Soliño, símbolo de Cangas

María Soliño, símbolo de Cangas

María SoliñoNos séculos XVI e XVII numerosas mulleres de Cangas foron xuzgadas polo Tribunal do Santo Oficio (Inquisición) por suposta “bruxería”. Hoxe en día sabemos que acabaron confesando atrocidades a forza de espantosos tormentos, víctimas das invencións dos inquisidores. A máis lembrada é, probablemente, María Soliño.

María Soliño foi condenada, alá polo século XVII pola Santa Inquisición, acusada de bruxería. Aínda que se sabe que naceu no 1551, na propia vila de Cangas, a data da súa morte descoñécese, non existe partida de defunción. Este último punto dou a imaxinación popular as ás  necesarias para crear a personaxe nunca morta de María Soliño.

Sendo moi nova, María casou con Pedro Barba, un pescador da vila, que chegou a posuír, ademais da súa embarcación (unha dorna), unha empresa de manufactura de peixe. O matrimonio tivo fillos, aínda que se descoñece o número. A familia Barba vivía nunha casa de dúas plantas de pedra no centro da vila, das típicas casas de patín de Cangas. María Soliño, por herdanza, posuía varias fincas. Pedro Barba e o seu cuñado, irmán de María, tiñan creado unha empresa entrámbolos dous para pescar, manufacturar e exportar peixe da ría, pero, as posesións máis importantes da familia eran os dereitos de presentación desta muller en varias capelas e freguesí- as da zona, entre elas na Colexiata de Cangas do Morrazo e na Igrexa de San Cibrán de Aldán, dereitos polos que os sucesores dos fundadores destas podían propor ao seu titular cando quedara vacante, e a súa vez participar dos beneficios que aquelas xeraban.

Os datos históricos sinalan que entre os anos 1599 e 1639 os corsarios, que reciben este nome por teren licenza real, e os piratas, que normalmente traballan pola súa conta pero que poden repartir beneficios coa coroa, tanto de orixe holandesa coma francesa, atacan, asaltan e rouban as costas de Vigo e a península do Morrazo.

Un memorial do procurador Gerónimo Núñez relata como no ano 1617 unha escuadra de piratas turcos chegou a ría de Vigo desembarcando a dous mil homes en Cangas, entre punta de Rodeira e punta Balea. A vila foi saqueada e queimada. A “caza de bruxas” estivo directamente provocada polo empobrecemento xeral que seguiu á invasión turca. A pequena nobreza veu descender as súas rendas de maneira alarmante, polo que buscou por todos os medios os recursos necesarios para manter o seu nivel de vida.

María Soliño, unha das mulleres máis ricas da vila e a Inquisición

A Inquisición, integrada case que exclusivamente por membros deste grupo social, foi un eficaz medio para lograr o seu propósito. O obxectivo primordial era arrebatar a certas persoas os seus “dereitos de presentación”. Foi o caso de María Soliño, quen ao enviuvar pasou a ser unha das mulleres máis ricas da vila, o que enseguida chamou a atención dos nobres. Nove mulleres en total, entre elas Soliño, foron xulgadas e condenadas por diferentes acusacións relacionadas coa bruxería. Para disimular o seu reprobable propósito, os burgueses e a Inquisición incluiron algunhas mulleres que posuían dereitos de presentación con outras que eran “pobres de solemnidad”. Moitas delas atopábanse totalmente desamparadas, por ter enviuvado tras os tristes sucesos do 1617. Sendo María unha muller de importante fortuna, rapidamente chamou a atención dos nobres do lugar. A morte do seu marido e do seu irmán sumíraa nunha importante depresión, e cada noite percorría a praia onde estes morreran loitando, escoitando as ondas, e recordando aos seus familiares. As reiteradas visitas á praia de noite foron causa suficiente para iniciar contra ela un proceso por diferentes acusacións relacionadas coa bruxería.

María Soliña detida e torturada

María Soliño foi detida e torturada nas cárceres secredas do Santo Oficio no ano 1621. Acusada de entregar a súa alma ao diaño e de posuír poderes demoníacos capaces de causar os máis terribles males, foi sometida a tortura física e psicolóxica ata que confesou ser bruxa desde había máis de dúas décadas, afirmando ademais na súa desesperación que chegara a manter tratos carnais co demo, o cal se lle aparecía en forma de home. E mentres isto declaraba, María Soliño suplicaba clemencia ao Tribunal proclamando o seu arrepentimento, pois aseguraba que só renegara do Noso Señor de palabra.

O 23 de xaneiro do 1622 chegou por fin a sentencia: foi condenada cunha confiscación de bens, debendo portar o hábito penitencial durante medio ano. Non sabemos se chegou a cumprir toda a pena, pois probablemente a súa vida non durou moito máis. As secuelas físicas do tormento non podían deixar de notarse nunha muller de 70 anos de idade. A súa acta de defunción non foi atopada aínda. Tal vez algún día descubramos onde repousan os seus castigados restos.

- Publicidade -

1 comentario

Comments are closed.

ÚLTIMA REVISTA

+ VISTOS

SÍGUENOS

694FansGóstame
290SeguidoresSeguir

ETIQUETAS

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies