Portos de Galicia vén de investir preto de 20.000 euros na reparación da escollera lateral que soporta por un dos lados un camiño auxiliar
A Consellería do Mar, a través do ente público Portos de Galicia, vén de mellorar a seguridade vial en dous novos tramos do porto de Vilaxoán, no municipio pontevedrés de Vilagarcía. Así o confirmou esta mañá o presidente do ente público, José Juan Durán, nunha visita realizada á zona na que o departamento investiu preto de 20.000 euros.
As actuacións executadas consistiron na reparación da escollera lateral que soporta por un dos lados un camiño auxiliar e o seu reafirmado. Tamén se reparou o pavimento na zona localizada entre o peirao pesqueiro e o edificio do Intecmar que presentaba varios afundimentos nunha superficie duns 160 metros cadrados, ambos ubicados na zona portuaria de Vilaxoán. Deste xeito, refórzase a seguridade para o tránsito rodado na zona e melloran as condicións de actividade e traballo dos usuarios do porto.
Recentemente neste peirao foron investidos 35.000 euros na construción de 4.000 metros cadrados de novo asfalto para o que se procedeu ao fresado do firme existente e retirada do material resultante ao vertedoiro autorizado. Ademais, repuxéronse todas as marcas viais preexistentes e instaláronse lombos de redución de velocidade previos aos pasos de peóns. Os traballos supuxeron tamén a reparación e posta a nivel de todos os rexistros de sumidoiros existentes de cara a minimizar riscos para a circulación.




