Inicio Galicia Mar difunde a oferta marítimo-pesqueira dos seus centros formativos cunhas xornadas de...

Mar difunde a oferta marítimo-pesqueira dos seus centros formativos cunhas xornadas de portas abertas

Mar difunde a oferta marítimo-pesqueira dos seus centros formativos cunhas xornadas de portas abertasA Consellería do Mar realiza unhas novas xornadas de portas abertas nos seus centros para potenciar e divulgar a súa oferta formativa no eido marítimo-pesqueiro e amosar as súas instalacións a futuros alumnos e alumnas.

A iniciativa levarase a cabo mañá 24 de abril e o xoves 25 de abril tanto na Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira como na de Ferrol e no Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa). Mentres, no Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo as xornadas de portas abertas celebraranse en maio.

Na Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira a xornada de portas abertas iniciarase ás 09,00 horas de mañá cunha charla informativa sobre as ensinanzas que se imparten no centro e as saídas profesionais dos distintos cursos. O programa tamén inclúe a conferencia A seguridade social do mar: requisitos e incidencias, impartida ás 11,00 horas por un especialista en medicina do Instituto Social da Mariña. Ademais haberá visitas guiadas polo centro e sesións de demostración dos simuladores de ponte e máquinas ata as 14,00 horas.

A xornada do xoves no centro de Ribeira tamén será en horario de 09,00 a 14,00 horas e incluirá visitas guiadas polas instalacións do centro, charlas informativas sobre a súa oferta formativa e sesións de demostración nos distintos simuladores.

No caso da Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol as actividades desenvolveranse tamén en horario de mañá e incluirán unha charla informativa sobre a oferta formativa do centro así como as súas saídas laborais e os cursos e títulos de especialidade marítima. O programa tamén inclúe a visita ás instalacións, desde talleres ata simuladores, aulas, residencia e demostración no simulador de navegación. A xornada de mañá está dirixida a educadores e orientadores dos institutos do ámbito de influencia do centro ferrolán e a do xoves ás asociacións de profesionais e autoridades. Nese segundo día os alumnos de ciclos formativos visitarán ademais o Museo de Historia Natural.

O Igafa, pola súa banda, celebra mañá xornada de portas abertas en horario de 10,00 a 14,00 e de 16,00 a 18,00 horas e o xoves de 10,00 a 14,00 horas. Os asistentes serán recibidos polos membros do equipo directivo e posteriormente farán un percorrido polas instalacións do centro acompañados polo profesorado. Durante esa visita coñecerán os equipamentos cos que conta o instituto para a formación do alumnado dos ciclos de acuicultura e mergullo e recibirán información detallada da formación que imparte.

Por último, as instalacións do Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo, centro de referencia nacional de pesca e navegación, poderán visitarse na primeira semana de xuño nunhas xornadas nas que os participantes poderán coñecer a formación que ofrece e os equipamentos cos que conta para impartila.

- Publicidade -

ÚLTIMA REVISTA

+ VISTOS

SÍGUENOS

39FansGóstame
272SeguidoresSeguir

ETIQUETAS

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies