A exposición coa que a Consellería de Cultura e Educación e mais a Casa-Museo do chairego divulgan a figura, a vida e a obra do autor das Letras Galegas 2016, pódese visitar aínda na fin de semana no Museo Municipal Manuel Torres
A exposición itinerante ‘Manuel María. Beleza, amor e compromiso’, promovida pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, por medio das secretarías xerais de Cultura e de Política Lingüística, e mais pola Casa Museo Manuel María, despide Marín esta mesma fin de semana tras facer parada no Museo Municipal Manuel Torres deste concello pontevedrés desde o pasado 5 de xullo.
O proxecto expositivo, que ten por obxecto poñer en valor e achegarlle á cidadanía a figura, a vida e a obra de Manuel María Fernández Teixeiro, autor homenaxeado polas Letras Galegas 2016, poderase visitar desde o luns 18 e ata o vindeiro 2 de agosto na Casa da Cultura de Noia, no seu percorrido por doce localidades galegas ata finais de ano.
A iniciativa, que xa fixo parada desde o mes de maio na Coruña, en Outeiro de Rei, en Vilalba, en Santiago de Compostela e en Marín, enmárcase na programación de actividades conmemorativas das Letras Galegas do ano en curso posta en marcha desde a Xunta de Galicia coa colaboración da Casa-Museo Manuel María e da fundación que custodia o legado e a obra do autor chairego.
Próximas paradas
Ata o remate do ano Manuel María, a mostra realizará outras seis paradas en centros da Rede de Bibliotecas de Galicia e de concellos da Rede de Dinamización Lingüística das catro provincias galegas. No mes de setembro chegará a Pontevedra (do 1 ao 14, na Biblioteca Pública Antonio Odriozola) e a Vigo (do 16 ao 2 de outubro, no Edificio Administrativo da Xunta de Galicia); en outubro, a Monforte de Lemos (do 4 ao 17, na Casa da Cultura) e a Lugo (do 19 ao 31, na Biblioteca Pública); e, en novembro, a Ferrol (do 3 ao 15, na Biblioteca Pública) e a Ourense (do 17 ao 30, no Ateneo).
‘Manuel María. Beleza, amor e compromiso (1929-2004)’ concluirá a súa itinerancia no derradeiro mes do ano en Celanova (do 2 ao 18 de decembro, na Casa dos Poetas). Máis información e materiais no enlace www.lingua.gal/recursos/todos?content=/Portal-Lingua/Contido/recursos/letras-galegas/2016/contido_0556.html do Portal da Lingua Galega e na Axenda de Cultura de Galia, a través da web www.cultura.gal



