Inicio Galicia Compostela As xornadas ‘Os Camiños de Santiago: visións dende Europa’ evidencian o peso...

As xornadas ‘Os Camiños de Santiago: visións dende Europa’ evidencian o peso internacional acadado polas rutas xacobeas

as-xornadas-os-caminos-de-santiago-visions-dende-europa-evidencian-o-peso-internacional-acadado-polas-rutas-xacobeas

O programa congrega en Galicia a membros do Parlamento Europeo e outras autoridades de organismos internacionais. Así mesmo, as xornadas contaron coa participación de representantes do Goberno galego como o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a directora de Turismo de Galicia e o secretario xeral de Cultura.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, recibiron esta mañá aos membros do Parlamento Europeo que viaxaron ata Galicia para participar nas xornadas Os Camiños de Santiago: visións dende Europa”.

O conselleiro de Cultura saudou aos participantes, aos que animou a gozar do amplo patrimonio cultural galego, da gastronomía da nosa terra e das súas paisaxes, así como a coñecer de preto a rica tradición xacobea. Así mesmo desexou que, alén destas xornadas, Galicia deixe neles unha marca positiva indeleble que os anime a volver no futuro para seguir descubríndoa.

A continuación, a directora de Turismo e o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, participaron nas devanditas xornadas. Durante a apertura das mesmas, Nava Castro subliñou o grande interese mundial que suscita a Ruta Xacobea, cun 60% de peregrinos de orixe internacional e que en 2015 procederon de 192 países diferentes. Nestas xornadas, ademais dos membros do Parlamento europeo, tamén participaban outras autoridades de organismos e entidades internacionais relacionadas coa Ruta Xacobea para abordar a súa compoñente cultural, social, histórica e de valores dende unha perspectiva europea.

Nava Castro afirmou que o Camiño é un referente de interculturalidade e un dos fenómenos máis universais da civilización actual e que conta, por iso, con grandes recoñecementos internacionais como a declaración de Patrimonio da Humanidade pola UNESCO tanto nos Camiños do Norte Peninsular dende hai un ano como no Camiño Francés dende 1993 ou a ser o Primeiro Itinerario Cultural Europeo polo Consello de Europa dende 1987.

Récord de peregrinos

Non obstante, a directora puxo de manifesto que “o maior recoñecemento que acada o Camiño de Santiago é o número de peregrinos que o realizan”, 262.515 no ano 2015. Nesta liña, expuxo que este ano a cifra vai en aumento xa que dende xaneiro se recibiron máis de 120.000, un 8% máis que no mesmo período do ano pasado.

Neste sentido, salientou a especial relevancia do Plan Director do Camiño para planificar as infraestruturas necesarias de cara a esta grande demanda prevista e evitar así a masificación, conseguindo ofrecer un servizo de calidade. Nesta liña, o Goberno galego executa constantes melloras nos itinerarios como, por exemplo, a adaptación da sinalización para garantir unha correcta orientación do peregrino e adaptada ás novas directrices.

Nava Castro tamén apostou pola incidencia positiva que neste sentido vai ter a celebración do Ano Xubilar Extraordinario da Misericordia, que se estende dende o pasado 8 de decembro ata o vindeiro 20 de novembro, xa que vai acompañado dunha programación especial posta en marcha por Turismo de Galicia para incentivar a experiencia xacobea.

Neste sentido, terán lugar todo tipo de acontecementos culturais, artísticos e sociais e iniciativas de investigación, de desenvolvemento turístico e de acollida ao peregrino para poñer en valor o fito histórico que supón a apertura da Porta Santa da Catedral de Santiago nun ano non santo. Neste contexto, a directora tamén animou a realizar a Ruta Xacobea como unha experiencia única e chea de valores humanos na que o peregrino se encontra a si mesmo.

Desenvolvemento europeo

Así mesmo, a directora enxalzou que o Camiño de Santiago é a columna vertebral de Europa ao redor da que se creou un gran tecido asistencial, incluíndo a Rede Pública de Albergues xestionada pola Xunta de Galicia e que aglutina en Galicia a 70 establecementos que ofrecen 3.278 prazas para a acollida do peregrino. Así mesmo, a directora subliñou que o interese que suscita a experiencia xacobea queda reflectida na existencia de máis de 300 asociacións de amigos do Camiño, que aglutinan a 80.000 asociados e hospitalarios.

Indicou tamén que a Ruta Xacobea é fundamental para o desenvolvemento económico de Galicia e tamén a nivel local dos concellos que atravesa. Ademais, a importancia do Camiño contribúe á conservación do patrimonio e da cultura xacobea.

Fortalecemento da unidade cultural desde a diversidade

Pola súa banda, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, destacou o interese deste departamento por se sumar a esta iniciativa de Turismo de Galicia “que afonda na significación que teñen as rutas culturais e, especialmente, o Camiño de Santiago”.

Na súa intervención explicou que Galicia participa actualmente no 25% das rutas culturais europeas recoñecidas e recordou que o Goberno galego desde os seus comezos recoñeceu a importancia e a singularidade desta parte do seu patrimonio cultural que comparte co resto de Europa.

Finalmente, referiuse ás rutas culturais e ao Camiño de Santiago como “unha achega de calidade para a consolidación de Europa como espazo común de convivencia”, ademais de constituír “unha das ferramentas máis eficaces no recoñecemento e fortalecemento da unidade cultural, na que se comparten aspectos comúns relevantes e nas que se poñen en valor o conxunto das singularidades propias de cada territorio”.

- Publicidade -

ÚLTIMA REVISTA

+ VISTOS

ETIQUETAS

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies