Inicio Pontevedra Manifesto da Deputación de Pontevedra polo Día Internacional Contra a Violencia de...

Manifesto da Deputación de Pontevedra polo Día Internacional Contra a Violencia de Xénero

manifesto-da-deputacion-de-pontevedra-polo-dia-internacional-contra-a-violencia-de-xenero

A Deputación de Pontevedra, entre outras accións, rescindirá os contratos coas empresas que non cumpran a igualdade salarial e laboral entre homes e mulleres

 A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, leu ao inicio do Pleno de hoxe o manifesto institucional consensuado con toda a Corporación provincial en conmemoración do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as mulleres, ratificando o compromiso firme e permanente da institución cara ao rexeitamento da violencia machista e asumindo a súa obriga de traballar até conseguir a súa erradicación. Previamente á lectura, o Pleno púxose en pé para gardar un minuto de silencio que foi acompañado pola actuación musical do cuarteto musical “Fo Brass”, composto por bombardinos e tubas, que interpretou unha coral de Bach.

A Deputación provincial ten a convicción de que a tolerancia cero coa violencia contra as mulleres debe ser un valor e, como tal, defendido pola sociedade no seu conxunto. “Todas e todos as deputadas e deputados provinciais cremos e defendemos a Igualdade entre mulleres e homes como principio fundamental e o noso compromiso contra a violencia machista é firme”, sinala o manifesto.

Entre os compromisos adoptados pola institución provincial figuran o de promover, en diálogo coas organizacións sociais, medidas para contrarrestar a violencia económica sobre as mulleres, a rescisión dos contratos da Deputación de Pontevedra con calquera empresa que non cumpra a igualdade salarial laboral entre homes e mulleres, ou impulsar as mesas locais de coordinación institucional como unha ferramenta imprescindible para conseguir unha verdadeira coordinación entre as administracións e que así mellora o seguimento da atención, da seguridade e da protección integral ás mulleres vítimas e aos seus fillos e as súas fillas.

Neste escrito, a Deputación de Pontevedra tamén fai unha serie de reclamacións que buscan facer fronte “a unha terrible secuela social, unha forma de terrorismo ao que a cidadanía”, considera, “debería responder e non permanecer impasible”. En primeiro lugar, reclama un Acordo Social, Político e Institucional contra a Violencia machista, que a institución provincial considera “debería estar permanentemente na axenda política dos partidos para chegar a ser unha cuestión de Estado prioritaria”. A institución provincial considera que se debe abordar “con vontade política, para adoptar decisións firmes dende todos os eidos da sociedade, evitando máis recortes e traballando pola consolidación dun grande Acordo contra o terrorismo machista de todas as forzas políticas”, tal como recolle o manifesto.

“Hai que repoñer e dotar as partidas orzamentarias e pór obxectivos que se viñeron recortando nos últimos anos”, indica o escrito, entre os que resaltan os recursos destinados á prevención e atención integral das vítimas. A Deputación de Pontevedra tamén demanda neste texto a dotación de recursos para garantir a eficacia da Administración de Xustiza: loitando contra a impunidade (só o 30% de mulleres vítimas da violencia machista denuncian), pondo en marcha o acompañamento xudicial personalizado nos Xulgados especializados nesta materia (para que así teñan información sobre o itinerario e procedementos máis seguros) e obrigando á formación específica na materia para as e os maxistrados á fronte dos órganos xurisdicionais, profesionais de avogacía, persoal forense e equipos psico-sociais que interveñan nos Xulgados especializados en violencia de xénero, evitando deste xeito a revitimización que sofren en numerosas ocasións as mulleres.

As peticións tamén chegan ao eido educativo, para o que a Deputación propón dentro do Acordo Social, Político e Institucional impulsar o Plan Nacional de Sensibilización e Prevención da Violencia de Xénero, crear un Plan Integral para previr, protexer e reparar o dano a menores vítimas directas da violencia machista e incorporar formación específica en Igualdade, educación afectivo-sexual e de prevención da violencia machista (impartida por profesionais especializados e especializadas) en todas as etapas educativas do currículo. Na investigación, demanda a dotación de recursos que permita a posta en marcha de estudos sobre a incidencia da violencia machista, coñecer as súas causas e efectos, avaliar o seu impacto e coñecer as medidas necesarias para a erradicación desta lacra.

Ademais, no ámbito da lexislación, a Deputación de Pontevedra esixe a modificación da Lei Galega 11/2007 para incorporar a regulación e o estatuto de protección das vítimas da violencia machista, e a ampliación da Lei Integral 1/2004 contra a violencia de xénero para recoller todas as manifestacións de violencia machista, tráfico e trata de persoas, prostitución, mutilación xenital, e os novos tipos de acoso, hostigamento ou coacción, mais non exclusivamente, como ocorre neste momento, os que se producen en relacións de parella.

A institución provincial considera que as institucións públicas poden e deben axudar a responder e paliar as consecuencias da violencia machista, ademais de lles dar visibilidade a todas as violencias, de distinto tipo, exercidas sobre a muller por razón de xénero, dende aquelas que poñen en perigo a súa saúde física e mental, e outras violencias como a presión estética, a violencia relativa á obstetricia ou a violencia económica (peores taxas de desemprego e precariedade, desigualdade salarial e ocupación da maioría de traballos non asalariados). Ademais, sinala que “a nosa sociedade quere que sigamos traballando para avanzarmos cara a unha sociedade segura, igualitaria e polo tanto libre de violencia machista, que lles garanta unha resposta rápida e efectiva ás mulleres que sofren violencia así como aos seus fillos e fillas” trala aprobación da Lei orgánica de medidas de protección integral contra a violencia de xénero, “que supuxo un revulsivo fronte á violencia machista en todos os seus aspectos e que se consolidou como modelo internacional”.

Precisamente a lectura do manifesto rematou lembrando a cada unha das vítimas mortais do terrorismo machista, “mulleres con nomes e apelidos, cunha vida por diante que foi truncada por unha violencia cruel exercida, precisamente, polas persoas coas que un día decidiron compartir as súas vidas”, e tamén aos fillos e ás fillas que conviven día a día nestas contornas e sendo vítimas directas desta violencia. Ao remate, o cuarteto “Fo Brass” interpretou as pezas “Power” de J. Stevens e “Yesterday” de The Beatles.

 

- Publicidade -

ÚLTIMA REVISTA

+ VISTOS

ETIQUETAS

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies