spot_img
InicioO SalnésMancomunidade do Salnés.-O Proxecto Umia orientado a eliminar a proliferación de cianobacterias...

Mancomunidade do Salnés.-O Proxecto Umia orientado a eliminar a proliferación de cianobacterias no rio, busca financiamento do programa Life

O Proxecto Umia orientado a eliminar a proliferación de cianobacterias no rio, busca financiamento do programa LifeA Deputación busca financiamento do programa Life para un proxecto orientado a eliminar a proliferación de cianobacterias no Umia

A Administración provincial lidera a iniciativa xunto á Universidade de Vigo, a Mancomunidade do Salnés e o Instituto Tecnolóxico de Galicia

Eliminar a proliferación de cianobacterias no río Umia é o obxectivo central do Proxecto Umia, co que a Deputación de Pontevedra, en colaboración coa Mancomunidade do Salnés, a Universidade de Vigo e o Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG), concorre ó programa Life +, da Unión Europea, en busca de financiamento.

Así o expresou onte a deputada provincial Ana Isabel Vázquez nas xornadas sobre Xestión da Contaminación da Auga en Encoros, Ríos e Lagos, desenvolvidas no Edificio Administrativo e organizadas polo ITG e a empresa Ecohydros.

O Proxecto Umia consistirá na posta en marcha de sistemas que permitan medir e controlar a proliferación esaxerada da cianobacteria (proceso coñecido como blooming), actuando directamente sobre a orixe do problema: a elevada concentración de nutrientes (nitróxeno e fósforo) na auga.

Para logralo deberase actuar en diferentes ámbitos. Un dos pasos será a detección e corrección, cos oportunos tratamentos, dos problemas de depuración das augas existentes, tanto nos sistemas de saneamento colectivos coma nas fosas sépticas que aínda existen en moitas zonas do contorno do Umia.

Outro dos puntos nos que será preciso actuar será o control da utilización de fertilizantes que, ben a través das capas freáticas ou das augas de escorremento, chegan ó río. Neste campo prevense campañas de concienciación e sensibilización para reducir a utilización destes produtos.

Finalmente o eixe do programa centrarase na eliminación directa da acumulación de cianobacteria por medio dunha nova tecnoloxía baseada en ultrasóns, que se aplicará naqueles momentos nos que se dean procesos de blooming.

O orzamento total do programa ascende a 2,3 millóns de euros.

A deputada Ana Isabel Vázquez subliñou que se trata dun proxecto que segue a liña de traballo da Deputación de Pontevedra a prol da mellora ambiental da provincia.

Destacou que son moitos os programas que a Administración provincial está a desenvolver para mellorar a calidade da auga e eliminar os factores que inciden na súa contaminación, “coma a incorrecta depuración das augas residuais, a presenza de fosas sépticas en malas condicións ou a excesiva utilización de abonos, fertilizantes e químicos nas actividades agropecuarias”.

Subliñou que, ó labor realizado na mellora e extensión dos sistemas de saneamento en todos os concellos da provincia, se suman “proxectos pioneiros coma Saneplan (co que se está a deseñar un sistema integral de xestión das redes de saneamento por medio das novas tecnoloxías) ou Viñas Atlánticas, co que conseguimos establecer sistemas que reducen considerablemente a utilización de produtos químicos na viticultura”, ademais do programa WIZ, centrado nas redes de abastecemento.

 

- Publicidade -spot_img