spot_img
InicioCondado ParadantaMáis de 30 actividades no Nadal de Salceda

Máis de 30 actividades no Nadal de Salceda

Máis de 30 actividades no Nadal de SalcedaA Casa da Cultura Castelao acolleu esta mañá a presentación da programación de Nadal do Concello de Salceda, que traerá máis dunha trintena de actividades para tódolos públicos ao longo dun mes.

O “pequeno circo de Nadal” será sen dúbida o prato forte da programación, cunha carpa na Praza do Concello que ao longo de tres días se convertirá nun espazo simbólico compartido no que vivir unha experiencia de Nadal, tal e como o definiu Nelson Quinteiro, director artístico do proxecto. O pequeño circo acollerá actividades diversas con zonas de lecer nas que a rapazada poderá debuxar, pintar, facer manualidades, maquillarse, etc, pero tamén cunha zona de espectáculo pola que pasarán contacontos, concertos como o de Pakolas, baile, xogos e un sinfín de actividades para toda a familia.  Ademais unha parella de Apalpador e Apalpadora xigantes percorrerán cada día as rúas da vila, acompañados polos apalpadoriños que porán a parte musical, con panxoliñas, cantos de reises e música tradicional en xeral.

Pero o pequeno circo de Nadal non será a única actividade destas festas, que se completan con citas ineludibles como o Certame de panxoliñas ou o concerto de Nadal da banda de Salceda, ou a xa tradicional San Silvestre solidaria que o 27 de decembro prevé acoller a máis de 700 participantes nunha das citas deportivas máis multitudinarias do municipio.

Outra cita que sen dúbida atraerá a centos de persoas será unha nova edición da xuntanza de ranchos de reis, que cada unha das veces que se ven celebrando no municipio está a resultar de gran éxito, polo que se prevé que tamén nesta ocasión sexa un acto multitudinario.

Tamén o comercio local participa nestas datas coa participación no concurso de escaparates organizado dende o Concello. A veciñanza será a encargada de elexir o establecemento ganador, para o que poderá votar na urna que se instalará na Casa da Cultura Castelao entre o 23 de decembro e o 3 de xaneiro.

A programación de Nadal remata o 5 de xaneiro coa xa tradicional Cabalgata dos Reis Magos, que un ano máis correrá a cargo de diversas asociacións da vila, e que repartirá centos de quilos de caramelos sen glute entre o público.

Alex Rodríguez, Concelleiro de Cultura, Verónica Tourón, Concelleira de Comercio, e Loli Castiñeira, Alcaldesa de Salceda, definiron o Nadal de Salceda como un Nadal especial e diferente, froito do traballo en equipo e sobre todo da transversalidade das diferentes áreas, na busca do mellor resultado para tódolos públicos.

Loli Castiñeira: “Salceda ten máis de 1600 nenos e nenas, e sen dúbida a infancia ten que ser a grande protagonista destas festas. O excepcional dinamismo do noso Concello refléxase tamén no Nadal, polo que queremos convidar a toda a veciñanza a participar nos diferentes actos programados e a desfrutar con nós deste Nadal tan especial”.

- Publicidade -spot_img