‘Apúntaste á loita? Máis de 20 anos de Comercio Xusto en Galicia’. Este é o lema co que este ano as ONGD da Coordinadora Galega de ONGD, xunto a distintos colectivos de economía social, celebrarán o Día Mundial do Comercio Xusto ao longo do mes de maio en 6 cidades distintas.
O obxectivo: dar a coñecer o comercio xusto; participar con distintos colectivos na promoción dun comercio alternativo que estea ao servizo das persoas e do medio; e amosar que existen alternativas xustas, sostibles e ecolóxicas para o consumo de alimentos, roupa e produtos artesanais.
Este ano, ademais, coincidindo co 30 aniversario da apertura das dúas primeiras tendas de comercio xusto no Estado español en Córdoba e Donosti, queremos lembrar que en Galicia xa hai máis de 20 anos que existe a posibilidade de consumir de forma xusta, sostible e democrática. Foi gracias á iniciativa de A Cova da Terra e Panxea, as ONGD que no ano 1995 abriron as dúas primeiras tendas de comercio xusto en Galicia. Dende entón, os establecementos onde se ofrecen produtos de comercio xusto medraron gracias ao traballo doutras organizacións e entidades como Oxfam Intermon, Solidariedade Internacional de Galicia ouTaller de Solidaridad. Hoxe, ademais, son moitos os comercios non especializados que venden alimentos, roupa e artesanía producida baixo criterios de comercio.
Un pouco de historia
Dende os anos 70 varias organizacións viñan desenvolvendo iniciativas de comercio directo con grupos de artesáns de Asia e América Latina. E actualmente, no Estado, xa existen máis de 140 tendas e puntos de venda e 12 tendas on-line.
Nos 90 inauguráronse gran parte das actuais tendas. No 2000 a primeira análise de vendas mostraba unha facturación que apenas alcanzaba os 7 millóns de euros que, en 2014, ascendeu a 33,2 millóns. Nestes anos, a gama de produtos ampliouse e cambiou o consumo: se no 2000 a metade do que se vendía era artesanía, hoxe o 90% é alimentación.
Paralelo á comercialización, as organizacións de Comercio Xusto desenvolveron un importante labor de sensibilización e difusión a través de accións en centros educativos e campañas, coa finalidade de dar a coñecer a desigualdade global e as situacións de inxustiza que sofren os traballadores e as traballadoras en América Latina, África e Asia e fomentar un consumo máis responsable e sustentable.
Actividades previstas en Galicia
As ONGD da Coordinadora organizarán ao longo do mes de maio actividades en 6 cidades galegas para dar a coñecer o produto xusto.




