Inicio Galicia A exposición itinerante sobre Manuel María ten a súa primeira parada en...

A exposición itinerante sobre Manuel María ten a súa primeira parada en A Coruña

O mellor xeito de coñecer a Manuel María e ler a súa obra, pero a exposición que desde o pasado día 5 pode verse na Biblioteca Miguel González Garcés (A Coruña) é un bo complemento.

Así o destacou o secretario da Casa-Museo Manuel María e coordinador da mostra, Alberte Ansede, na inauguración, na que tamén participou o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez e o secretario da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo. O representante da RAG celebrou iniciativas como esta, que contribúen ao coñecemento e ao recoñecemento do autor escollido pola Academia como protagonista do Día das Letras Galegas de 2016.

Pola súa banda, o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, subliñou a capacidade de Manuel María de chegar ao pobo. “Quizais o máis importante é que foi capaz de conectar coa xente. Sen esquecer o feito erudito da creación cultural, foi capaz, a través da literatura e da música, de transmitirlle a súa forma de ver e interpretar Galicia, e iso é o que fai grande a un creador”, expresou. No acto tamén interviñeron o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e o alcade da Coruña, Xulio Ferreiro.

A exposición Manuel María. Beleza, amor e compromiso (1929-2004), froito da colaboración entre a Xunta de Galicia e a Casa-Museo Manuel María, permanecerá ata o vindeiro 16 de maio na biblioteca ubicada no barrio de Elviña da Coruña, a cidade na que o poeta chairego viviu os derradeiros anos da súa vida. A partir do 17 de maio, Día das Letras Galegas, poderá verse na súa localidade natal, Outeiro de Rei, e posteriormente percorrerá outros once concellos: Vilalba, Santiago de Compostela, Marín, Noia, Pontevedra, Vigo, Monforte de Lemos, Lugo, Ferrol, Ourense e Celanova.

En dez paneis, a mostra condensa os aspectos máis relevantes da vida e da obra do autor e o seu contexto, máis cincuenta intensos anos de historia. A presidenta da Casa-Museo Manuel María e viúva do escritor, Saleta Goy, salientou a dificultade do reto que se asumiu con esta exposición, dado que Manuel María foi moi prolífico, creador de milleiros de versos, pero tamén de narrativa, teatro, ensaios e prosa xornalística.

Henrique Monteagudo lembrou no acto inaugural que a normativa da Real Academia Galega indica que a figura homenaxeada no Día das Letras Galegas debe ser unha persoa exemplar humana e culturalmente, cunha obra de especial relevo para as letras galegas. “O personaxe deste ano cumpre sobradamente estas dúas dimensións, pola súa obra literaria e tamén pola súa traxectoria persoal, que pode poñerse de exemplo ao país en todos os aspectos”, destacou o secretario da RAG. Pero se ben a Academia é a que escolle o protagonista do 17 de maio, é a sociedade “a que logo dispón como, canto e ata onde se celebra”, engadiu. “Por parte da Academia, non queda máis ca congratularse por iniciativas como esta e desexar que a sociedade galega recoñeza a obra e a figura de Manuel María, a achega que fixo ao país nun tempo de resistencia, no que había moi poucas voces coa valentía que el amosou, e nun momento posterior de desafío a prol da normalización da lingua e da cultura, sempre en primeira liña”, concluíu.

Traxectoria persoal e creativa de Manuel María
Manuel María naceu en Outeiro de Rei (Lugo), no ano 1929, no seu dunha familia labrega relativamente acomodada e nun contexto rural que marcou a súa traxectoria como escritor desde o primeiro momento, moi vinculado á terra e á lingua galega. De feito, foi o primeiro mozo en publicar un poemario en galego, “Muiñeiro de brétema”, despois da Guerra Civil.

O seu paso por Santiago durante o servizo militar serviulle para relacionarse con autores do talle de Otero Pedrayo, Bouza Brey ou o pintor Carlos Maside, entre outros. É precisamente na capital compostelá onde Manuel María entra en contacto co pensamento nacionalista de Castelao e co marxismo. E iso tamén se traduce na súa obra, que evoluciona da identificación coa terra e a natureza á identificación coa patria e co esforzo do pobo por tomar consciencia de si mesmo e emprega a escrita para unir a defensa da lingua galega coa defensa dun futuro digno para Galicia.

Logo duns convulsos anos 70, xa nos 80, na súa última etapa o autor retorna aos inicios intimistas. É precisamente aquí cando Manuel María se manifesta coma un autor en toda a súa plenitude, onde a poesía ocupa un lugar primordial, pero completada con outros xéneros literarios coma o teatro, a narrativa, o ensaio e as colaboracións xornalísticas

- Publicidade -

ÚLTIMA REVISTA

+ VISTOS

SÍGUENOS

680FansGóstame
289SeguidoresSeguir

ETIQUETAS

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies