spot_img
InicioPontevedra e ÁreaPontevedraLuis López e Alfonso Rueda asinan un convenio no que a Xunta...

Luis López e Alfonso Rueda asinan un convenio no que a Xunta compromete o seu apoio económico para a rehabilitación do convento de Santa Clara

luis-lopez-e-alfonso-rueda-asinan-un-convenio-no-que-a-xunta-compromete-o-seu-apoio-economico-para-a-rehabilitacion-do-convento-de-santa-claraO acordo asinouse este venres no altar da igrexa do convento nun acto ao que asistiron tamén o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, o vicepresidente Rafa Domínguez e deputados provinciais

Revista Cousas De Nº20

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, e o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, asinaron este venres un convenio de colaboración a través do cal o goberno autonómico comprométese apoiar economicamente o proxecto de rehabilitación do convento de Santa Clara. A sinatura deste acordo tivo lugar este venres pola mañá no altar da igrexa do templo pontevedrés. Un acto que supón unha nova mostra da cooperación entre as institucións autonómica e provincial para mellorar os servizos e infraestruturas da cidade de Pontevedra. “O convento de Santa Clara está chamado a converterse nunha referencia da cultura galega. Pero para acadar ese obxectivo, é necesario tender pontes entre administracións, sumar esforzos e traballar de forma conxunta. E nese camiño, unha vez máis, a Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia camiñan da man”, afirmou o mandatario provincial antes de asinar o protocolo.

Ademais do apoio económico, que se materializará nas anualidades do 2025 e 2026, o convenio recolle tamén a creación dunha comisión de seguimento con representantes de ambas as dúas institucións, así como o compromiso da Deputación e da Xunta para tramitar todos os instrumentos xurídicos precisos tanto para a reforma e conservación das infraestruturas, como para a colaboración económica. Este acordo estará vixente ata o 31 de decembro do 2026

Nun acto no que estiveron presentes, ademais dos dous presidentes, o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez; e o vicepresidente da Deputación e responsable do Museo de Pontevedra, Rafa Domínguez, e deputados provinciais; Luis López remarcou a importancia que ten a colaboración entre as institucións autonómica e provincial recordando que no último ano asinouse a transferencia do Pazo de Lourizán, da Escola de Cantería e iniciouse a dos centros educativos, entre eles o CIFP Carlos Oroza, de Príncipe Felipe. “Tres exemplos de cooperación leal e colaboración estreita entre administracións para ofrecer mellores servizos á veciñanza”.

O convento de Santa Clara será o sétimo edificio do Museo de Pontevedra

A sinatura deste convenio, afirmou o mandatario provincial, supón “unha alianza para garantir o futuro de Santa Clara como referencia da Cultura galega, un acordo que reparte compromisos e responsabilidades entre Xunta e Deputación para afrontar unha reforma tan ambiciosa e un exemplo de lealdade institucional para facer máis cidade e máis provincia, que confío que sigan outras administracións”.

 

Do mesmo xeito, o acordo significa un novo paso adiante cara a execución dunha obra que afianzará o Museo de Pontevedra como unha das grandes referencias do ámbito cultural galego. “Quero reiterar o agradecemento da Deputación polo apoio da Xunta de Galicia a este proxecto estratéxico, transformador e vital para a cultura da nosa provincia e de toda Galicia”, concluíu Luis López.

Pasos adiante na tramitación do proxecto de reforma de Santa Clara

O presidente provincial repasou tamén a cronoloxía deste proxecto de reforma do convento de Santa Clara, unha actuación que confía en que poida comezar ao longo deste ano coa meta posta no 2027. “A nosa ilusión e obxectivo pasa por inaugurar Santa Clara para a celebración do cen aniversario do Museo de Pontevedra, no ano 2027”, recoñeceu López.

O primeiro paso cara ese obxectivo darase o próximo martes coa aprobación na Xunta de Goberno da Deputación da aprobación do expediente de contratación do proxecto, un trámite que conta cun orzamento de 1,7 millóns de euros. Pero antes de chegar a este punto houbo moitos pasos previos. O primeiro tivo lugar despois da toma de posesión de Luís López como presidente e da constitución do novo goberno provincial cun traspaso de poderes “exemplar” cun bo entendemento entre o goberno saínte e os responsables técnicos do proxecto de Santa Clara.

Con todo, no proxecto que o executivo provincial ten para Santa Clara non se contemplaba a destrución dos xardíns para a construción dun almacén de restos arqueolóxicos. Polo que iniciaron negociacións co estudo de arquitectura gañador do concurso, Nieto Sobejano, para estudar a posibilidade de modificar o proxecto. A predisposición, entendemento e boa sintonía reinou desde a primeira reunión e, despois de varios meses de traballo, as dúas partes chegaron a un punto de acordo que debe plasmarse agora por escrito no expediente de contratación que se abrirá a partir do día 30 de xaneiro.

- Publicidade -spot_img