O presidente da Deputación de Pontevedra asinou este mércores o convenio de colaboración co rexedor tudense, Enrique Cabaleiro, nunha visita institucional ao Concello
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López; e o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, asinaron este mércores un convenio de colaboración enmarcado no Programa Provincial de Infraestruturas e Dotacións Singulares para a Execución da Axenda 2030 (PON2030) a través do cal o goberno provincial financiará con 795.715 euros euros, o 80 % do orzamento, a primeira fase do proxecto de mellora urbanística da rúa Augusto González Besada e a zona sur do Paseo da Corredoira. O Concello, pola súa banda, achegará o 20 % restante (198.928 euros).
A obra consiste nunha intervención integral nesta contorna que dá acceso ao centro urbano de Tui. O obxectivo é dar prioridade á mobilidade peonil e mellorar a imaxe destas rúas, así como reordenar e reducir a presenza de vehículos “para mellorar unha das principais arterias desta cidade”, explicou o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, despois de asinar o protocolo.
En concreto, na rúa Augusto González Besada crearase unha plataforma única con ampliación das beiravías, instalación de novos elementos de mobiliario urbano e arborado e modificación do estacionamento en batería por aparcamento en liña. O mesmo ocorrerá na transversal rúa de Rosa Bahamonde, mentres que no acceso ao edificio da Policía Local crearanse dúas ramplas. Ademais, na Praza da Inmaculada, renovarase tamén o pavimento, instalarase novo mobiliario urbano e substituiranse dúas árbores que afectaban á zona dos quioscos.
A intervención nesta praza conectará directamente coa zona sur do paseo da Corredoira, onde se substituirá o adoquinado por unha lousa de granito, crearanse zonas de aparcamento de carga e descarga e, no paseo, melloraranse os elementos do mobiliario urbano. Para unha actuación futura, correspondente a segunda fase do proxecto, queda a mellora urbana da zona norte do Paseo da Corredoira e da rúa Camilo José Cela.
Segundo recolle o convenio, as obras, valoradas nun total de 994.643 euros, deberán estar rematadas antes do 30 de abril de 2025. A sinatura deste acordo entre Deputación e Concello de Tui realízase coa modificación das bases do programa PON2030 xa en vigor. Unha modificación que fai compatible a achega da Deputación coas subvencións doutras administracións sen que o montante concedido ao Concello polo goberno provincial se vexa reducido.
“Os concellos son o faro que guían a nosa acción de goberno”, asegurou o presidente Luis López, quen recordou que o recentemente presentado Orzamento provincial reserva un de cada tres euros dos 189 millóns das contas provinciais para o Servizo de Cooperación cos concellos da provincia. “Son as contas máis municipalistas da historia, subliñou o dirixente provincial facendo referencia tamén ao programa +Provincia, “o maior plan de obras e servizos posto nunca en marcha polo goberno provincial”, remarcou López.
“Tui e os demais concellos sodes o motor da provincia. Xuntos imos conseguir que Pontevedra vaia a máis”, concluíu o presidente da Deputación.