A secretaria de Estado de Turismo entregou a certificación das oficinas de Turismo Rías Baixas de Pontevedra e A Armenteira
O presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, recibiu hoxe en FITUR os primeiros distintivos Q de Calidade Turística que se conceden a unhas oficinas turísticas de Galicia, en concreto a dúas de Turismo Rías Baixas, situadas en Pontevedra (a sede central do organismo, o palacete das Mendoza) e no mosteiro da Armenteira.
A entrega destes distintivos e placas produciuse no curso dun acto que tivo lugar no Auditorio Sur de FITUR e da man da secretaria de Estado de Turismo, Isabel Borrego Cortés, e do presidente do Instituto para a Calidade Turística Española, Miguel Mirones Díez.
Louzán participou tamén nun acto de Fitur Tech no que se analizou o modelo de innovación en destinos turísticos, Smart Destination Rías Baixas, así como os da Costa do Sol e Murcia.
Relatorio de innovación de Rías Baixas en Fitur Tech
Fitur Tech é un foro de innovación e tecnoloxía turística no que participan Facebook, Google, Skyscanner, Cisco, Samsung, Telefónica I+D, Hotelbeds Group, Expedia, Hotelscombined e Vodafone e no que se mostran as tecnoloxías que están a cambiar o turismo (por medio de Internet de Todas as Cousas (IoE) e o Big Data) e o seu impacto no viaxeiro.
No marco deste foro participaron Kike Sarasola, presidente e fundador de Room Mate Hotels, cun relatorio sobre turismo disruptivo; tiveron lugar varios workshops, entre eles un de Hosteltur; organizáronse mesas redondas sobre proxectos de novas tecnoloxías en cadeas hoteleiras españolas, coma Iberostar Hotels&Resorts, Meliá Internacional e NH Hotel Group; e técnicos e responsables de Turismo Rías Baixas, xunto ós da Costa do Sol e a rexión de Murcia, mostraron os seus modelos de innovación en destinos turísticos, que, no caso de Rías Baixas, foi o seu Smart Destination Rías Baixas, que se está a levar a cabo coas empresas do sector na provincia de Pontevedra.
A primeira asociación de comerciantes por xunto de viaxes da historia de Galicia
O presidente da Deputación, Rafael Louzán, presidiu tamén a presentación da Asociación de Touroperadores Receptivos de Galicia (ATREGA), unha nova entidade formada polos principais operadores turísticos de Galicia, todos eles afincados na provincia de Pontevedra.
Os responsables de ATREGA quixeron contar con Louzán na mesa de presentación por seren a Deputación de Pontevedra e Turismo Rías Baixas os pioneiros en asinar o primeiro convenio coa nova asociación, a primeira asociación de comerciantes por xunto de viaxes na historia de Galicia.
Pola tarde Rafael Louzán asistiu tamén á presentación de “Coñece España, descubre Galicia. O Salnés”, promovida pola Mancomunidade do Salnés xunto co Concello de Cambados.



