spot_img
InicioBaixo MiñoLiteratura e artesanía para celebrar as Letras Galegas en Tui

Literatura e artesanía para celebrar as Letras Galegas en Tui

Literatura e artesanía para celebrar as Letras Galegas en TuiEste sábado comeza a XXIV Feira de Artesanía e o martes celébrase a XXIII Feira do Libro Galego

Literatura e artesanía tomarán esta ponte festiva as rúas e prazas de Tui con dobre celebración. Dende este sábado e até o martes a rúa Ordóñez, e as prazas do Concello e San Fernando acollerán a XXIV Feira de Artesanía, e o martes no Paseo da Corredoira celébrase a XXIII Feira do Libro Galego. Ambos eventos foron presentados esta mañá na casa do concello polo alcalde, Enrique Cabaleiro, as concelleiras de Comercio e Mercado, Ana Mª Núñez, e Cultura e Ensino, Sonsoles Vicente, xunto a José Manuel Salvado da Asociación de Artesáns de Galicia, Elena Rodríguez e Cani Carnero da Asociación de Palilleiras do Baixo Miño, Pilar Fernández da libraría Iris, Javier Oliveria de Espazo Lector Nobel, Eloy Carrera, director e Samuel Solla, presidente da Banda de Música Popular de Tui, e Alicia González, vicepresidenta da Asociación Cultural Lembranzas da Terra de Guillarei.

Revista COUSAS DE Nº13

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, na súa intervención manifestou que “con esta programación o concello de Tui reflicte, unha vez máis, o seu compromiso coa dinamización de sectores importantes para o noso ámbito económico e cultural”.

Engadía que con esta programación o “Día das Letras Galegas convértese nunha programación mensual baixo o título de Tui en Letras 2022 para a posta en valor da nosa lingua e da nosa cultura” o que lle da unha maior dimensión ao 17 de maio, sinalaba. Mentres sobre a Feira de Artesanía indicaba que “duplica a súa presenza, pasa de dous a catro días,  nun intento de dinamizar un ámbito importante coma é o da cultura artesanal da nosa terra”. Enrique Cabaleiro agarda que novamente durante esta ponte festiva sexan  moitos o visitantes que se acheguen até Tui.  Boas perspectivas de afluencia á cidade  baseadas nos positivos datos que está a rexistrar a Oficina Municipal de Turismo, así coma o feito de que en abril “foron preto de 3 mil peregrinos os que saíron de Tui”.

XXIV Feira de Artesanía

A concelleira de Comercio e Mercado, Ana María Núñez, era a responsable de dar os datos da XXIV Feira de Artesanía se vai celebrar dende este sábado 14 de maio e até o martes 17 na rúa Ordóñez e nas prazas do Concello e San Fernando. Serán unha trintena de persoas artesáns de toda Galicia as que participarán durante catro días nesta iniciativa realizada en colaboración coa Asociación de Artesáns de Galicia.   Precisamente o seu presidente José Manuel Salvado agradecía ao Concello de Tui “a aposta pola artesanía de calidade, e tratamos de que a oferta da feira sexa da maior calidade posible, todos os obradoiros está inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía” e engadía que “estamos encantados de poder compartir esta actividade cos libreiros”.

Así nos diferentes postos poderemos atopar xoiería, carpintería, marroquinería, ourivaría, cestería, encaixe, instrumentos musicais, xoguetes, complementos de moda…. A artesanía local estará presente nos postos de catro persoas artesáns de Tui, ás que se sumarán a Asociación de Palilleiras do Baixo Miño que estará palillando  na rúa Ordóñez.

E tamén algúns dos artesáns e artesáns estarán durante estes días realizando os seus produtos na feira e ofertarán obradoiros para o público.  Cómpre destacar que na praza do Concello, en colaboración coa Fundación Artesanía de Galicia, haberá sete obradoiros e demostracións de oficios durante a feira.

Amais Cucapuntoes realizará obradoiros de ganchillo nos que os participantes poderán elaborar unha funda de móbil, un bolso de rede, ou marcapáxinas de bolboreta. É recomendable inscribirse previamente en salomefmoldes@gmail.com, xa que as prazas son limitadas.

Non faltarán tampouco as actividades de animación co grupo Seixos Albos de Areas (sábado ás 12.30 h ), O Mosteiro de Pexegueiro (sábado ás 19 h), Santa Columba de Ribadelouro (domingo ás 12.30 h), A Insua de Caldelas (domingo ás 19 h) e as pandereteiras da Asociación Cultural San Telmo (martes ás 19.30 h ).  A gastronomía estará presente nestes días cun posto de cervexa artesá con Menduíña (sábado), Meiga (domingo) e Trisk-Ale (luns e martes), e coa empanadillas artesás de Vionkas Bake.

XXIII Feira do Libro Galego

O martes, 17 de maio, Día das Letras Galegas, celebrarase unha nova edición da Feira do Libro Galego coa participación das librarías locais Iris e Espazo Lector Nobel.  Nos andeis dos seus postos estarán presentes os libros do homenaxeado deste ano Florencio Delgado Gurriarán, xunto a grandes clásicos das nosas letras e novos e novas autoras. Na ofertan que presentarán ambos establecementos haberá títulos para todos os públicos e idades, cun amplo abano de xéneros, dende poesía, a novela, viaxes, ou cociña nos que haberá un 10% de descontos coma hoxe explicaban Pilar Fernández de Iris e Javier Oliveira de Espazo Lector Nobel.

A concelleira de Cultura e Ensino, Sonsoles Vicente, salientaba que a Feira do Libro “está enmarcada en Tui en Letras unha programación que oferta 14 actividades de dinamización e de posta en valor da nosa lingua durante todo o mes”. Engadía que esta programación rematará coa celebración “dos 131  anos da conmemoración do primeiro acto público en lingua que foi en Tui” aludindo aos Xogos Florais de Galicia.

A escritora Sonia Mirón, autora de “Si tu quieres” o “Mi corazón en una caja de Zapatos” será a encargada de dar lectura ao pregón da feira o martes ás 11.30 h, asinando a continuación exemplares dos seus libros. Ás 12.30 h a actriz, narradora e directora teatral Bea Campos achegará o público o contacontos “Os tres porquiños”. Xunto a Manuel Campos presentará este espectáculo no que se mestura teatro, xogos tradicionais e música en directo.  Pola tarde, ás 18.30 h, será a quenda de Magín Blanco co seu espectáculo “Caderno de cores e cancións”, no que xunto ao músico Pablo Vidal, realizará un percorrido pola creación musical e literaria das cancións dende os trobadores.

Por último ás 21 h a Banda de Música Popular de Tui, a Banda de Gaitas Lembranzas da Terra de Guillarei e o Grupo de Baile Lembranzas da Terra ofreceran un concerto especial e inédito no que participarán un centenar de persoas destas agrupacións,  que se unen por primeira vez nun proxecto. O director da Banda de Música Popular de Tui, Eloy Carrera explicaba que durante algo máis dunha hora interpretarán “música de compositores galegos, e música galega, sobre todo música tradicional”.

 

XXIV Feira de Artesanía

Do sábado 14 ao martes 17 na rúa Ordóñez e nas prazas do Concello e de San Fernando

  • Trinta postos de exposición e venda de artesanía
  • Horario da Feira
    • Sábado 14 de 12 a 22 h
      • Ás 12.30 h Seixos Albos de
      • Ás 19.00 O Mosteiro de Pexegueiro
    • Domingo 15 de 11 a  22 h
      • Ás 12.30 h Santa Columba de Ribadelouro
      • Ás 19.00 h A Insua de Caldelas
    • Luns 16 de 12 a 22 h
    • Martes 17 de 11 a 22 h
      • Ás 19.30 h pandereteiras da Asociación Cultural San Telmo
    • Talleres artesanais gratuítos e demostracións de oficios na praza do Concello
    • Talleres artesanais de agulla de gancho a cargo do obradoiro Cucapuntoes.
    • Sábado 14 ás 19:00 h. taller de ganchillo. Elaboración de funda de móbil.
    • Domingo 15 ás 11:00 e ás 19:00 h. taller de ganchillo. Elaboración de bolso de rede.
    • Luns 16 ás 19:00 h. taller de ganchillo. Elaboración de funda de móbil
    • Martes ás 11:00 e ás 19:00 h. taller de ganchillo. Elaboración de marcapáxinas de Bolboreta.
    • Inscricions en salomefmoldes@gmail.com. Prazas limitadas

 

XXIII Feira do Libro Galego – Día das Letras Galegas

Martes, 17 de maio, no Paseo da Corredoira. Participan as librarías Espazo Lector Nobel e Iris

  • Ás 11.30 h : Inauguración e pregón a cargo da escritora Sonia Mirón. Sinatura de libros
  • Ás 12.30 h: Bea Campos con “Os tres porquiños” contacontos con monicreques
  • Ás 18.30 h: Magín Blanco con “Caderno de cores e cancións” unha proposta musical para público familiar
  • Ás 21.00 h: Concerto das Letras Galegas a cargo da Banda de Música Popular de Tui, da Banda de Gaitas Lembranzas da Terra de Guillarei e do Grupo de Baile.
- Publicidade -spot_img