Os equipos galegos deron mostra do seu gran potencial no encoro de Berducido onde conseguiron 113 medallas. As clasificacións masculina e feminina na categoría absoluta tiveron como gañadores ao Tudense e Breogán.
A actuación dos equipos galegos no XLIX Campionato España Sprint Senior, Sub-23 e Xuvenís, celebrado durante este fin de semana nas instalacións do Complexo Deportivo David Cal de Berducido, pódese cualificar de excelente.
O Club Kayak Tudense foi segundo na xeral de clubs por detrás do Piragüismo Aranxuez. Os de Tui lideraron o campionato o primeiro día de competición onde se disputaron as finais individuais, o sábado e o domingo os madrileños lograron reducir os puntos que lles separaban ata alcanzar a vitoria. O terceiro posto levoullo o Club Breogán do Grove. Así mesmo, o Club As Torres Romería Viquinga terminou o campionato en sexta posición.
Con estes resultados a clasificación xeral da liga Hernando Quella deixa a tres clubs entre os dez primeiros. O Kayak Tudense é segundo con 408 puntos, terceiro con 391 puntos queda o Breogán do Grove, nunha liga na que o gañador foi o Escola de Piragüismo Aranxuez con 314 puntos. A sétima praza é para o Club As Torres Romería Viquinga.
No acto de entrega de trofeos repartíronse as copas de vencedores ás ligas masculinas, na que o Kayak Tudense terminou en primeiro lugar. O gran premio loterías e apostas do estado – II liga olímpica de sprint feminina levoullo o Club Breogán do Grove.
Onde non hai dúbida do dominio galego é no medalleiro, o número total de medallas en para os deportistas autonómicos foi de 113. Por clubs entre os dez mellores situáronse ata catro clubs. En primeiro lugar o Kayak Tudense con 22 metais (8 de ouro, 6 de prata, 5 de bronce), segundo o Breogán con 16 (6 de ouro, 9 de prata, 1 de bronce) sexto con 6 de ouro o Náutico Rodeira e oitavo o Club Piragüismo Poio,(4 de ouro, 3 de prata, 2 de bronce).
Os resultados máis destacados da última xornada na categoría xuvenil foron as vitorias de Pablo Graña en C1 200, tamén repetiría triunfo xunto con David Barreiro no C2 e no C4. En senior Jenifer Casal e Antía Jácome en C2 200 metros, nas embarcacións cuádruplas chegarían tres vitorias máis logradas polo Piragüismo Poio en C4, o Kayak Tudense en K4 muller e polo Fluvial de Lugo en K4 home. Esta embarcación que capitaneaba o campión olímpico Cristian Toro, dedicaba a súa vitoria ao seu adestrador José Antonio Fernández, máis coñecido por Mus, que este ano di adeus ao piragüismo tras decidir xubilarse.



