Inicio Pontevedra O Salnés Inaugurada en San Vicente (O Grove) a réplica da moeda xacobea elaborada...

Inaugurada en San Vicente (O Grove) a réplica da moeda xacobea elaborada pola Escola de Cantería

inaugurada-san-vicente-grove-replica-da-moeda-xacobea-elaborada-pola-escola-canteriaA Presidenta provincial subliña que esta obra escultórica en pedra, réplica da moeda xacobea do século XII atopada en Adro Vello,  “vai ser un atractivo máis para visitar a vila meca”

A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada do alcalde da vila, José Antonio Cacabelos, e do párroco de San Vicente do Grove, Juan Ventura Martínez, inaugurou hoxe a réplica da moeda xacobea do século XII atopada no xacemento de Adro Vello que vén de instalarse no xardín do atrio da Igrexa de San Vicente. A peza foi realizada polo alumnado da Escola de Cantería da institución provincial.

A peza que inaugurou a Presidenta provincial foi elaborada en granito silvestre galego e conta cun diámetro de 1,20 metros e cunha lenda na que se dá conta do significado da moeda xacobea, atopada na década dos 80 do século pasado. O lugar escollido para o seu emprazamento foi o xardín do atrio da Igrexa de San Vicente xa que este templo se atopa moi preto do xacemento de Adro Vello.

A Presidenta da Deputación de Pontevedra subliñou  que “hoxe é un dia moi importante porque a reprodución en pedra desta moeda vai quedar para sempre aquí  e vai ser un motivo máis de atracción para San Vicente”. Silva considerou que o traballo feito pola Escola de Cantería é excepcional  e demostra o “bo facer” dos nosos canteiros e das nosas canteiras, os e as mellores do mundo, “que neste intre están incluso a traballar no Capitolio de Washington, tras demostrar o seu bo facer na Catedral en Santiago ou na Sagrada Familia en Barcelona”.

Para a Carmela Silva “hoxe recordamos que a Traslatio se fixo o través das Rías Baixas, de O Grove, e celebramos que non queremos esquecer a nosa historia, porque un pobo que non  recorda a súa historia non pode ter un bo futuro. Amais, tamén rendemos unha homenaxe aos veciños e veciñas de San Vicente que tanto o merecen, para que desfruten desta marabillosa xoia”.

Pola súa banda, José Antonio Cacabelos, subliñou que hoxe “estamos a dar un paso importante para recordar unha parte moi importante da nosa cultura vinculada ao paso de Santiago Apóstolo por San Vicente, polo Grove camiño de Compostela”.  O alcalde agradeceu ao párroco de San Vicente polo seu impulso e traballo cara conseguir esta réplica e á Presidenta da Deputación “por ter feito súa esta iniciativa dos veciños e veciñas da parroquia”.

Por último, Juan Ventura, tamén quixo agradecer a implicación “máis alá do persoal” da Presidenta da Deputación “para este acontecemento”, do alcalde “que tamén dende o minuto un se comprometeu con esta iniciativa” e, por suposto, da Escola de Cantería “dos seus alumnos e alumnas e do seu profesorado”.

A moeda orixinal, de vellón (mestura de prata e cobre), amosa de perfil o corpo do Apóstolo Santiago en barca xunto a dúas figuras que serían dous dos seus discípulos que o trouxeron a Galicia.  Ademais a peza orixinal, que foi emitida durante o reinado de Fernando II, conta coa inscrición “S IA COBI” (Sancti Iacobi).

 

 

 

 

- Publicidade -

ÚLTIMA REVISTA

+ VISTOS

SÍGUENOS

680FansGóstame
282SeguidoresSeguir

ETIQUETAS

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies