Inicio Baixo Miño Inauguración en Tui da exposición antolóxica de Darío Álvarez Gándara “Amenceu outra...

Inauguración en Tui da exposición antolóxica de Darío Álvarez Gándara “Amenceu outra vez”

Inauguración en Tui da exposición antolóxica de Darío Álvarez Gándara “Amenceu outra vez”Mañá martes, 30 de xuño, ás 20.30 horas terá lugar a inauguración da exposición antolóxica de pintura do médico tudense Darío Álvarez Gándara (1936-2015)  “Amenceu outra vez”. Trátase dunha selección das súas obras que foi escollida polos seus fillos, herdeiros do seu legado, que comparten agora cos tudenses a faceta creativa do seu pai que nunca tiña divulgado.

Darío Álvarez Gándara forma parte da terceira xeración de médicos tudenses, iniciada polo seu avó Darío Álvarez Limeses e continuada polo seu pai, Darío Álvarez Blázquez; unha familia entrañablemente vinculada á cidade de Tui ao longo do último século.

A exposición está integrada por 22 óleos e máis de trinta debuxos complementados con fotografías e outras obras menores que ofrecen aos visitantes unha perspectiva completa da obra de inspiración surrealista que, ao longo da súa vida, foi elaborando o cardiólogo tudense.

A mostra comisariada polos seus fillos Carlota e Darío Álvarez Basso estará  aberta na Sala Municipal de Exposicións do Concello de Tui ata o vindeiro 8 de agosto.

Para a concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, a celebración desta exposición permitirá aos tudenses achegarse á obra de Darío Álvarez Gándara dotada dunha grande sensibilidade e capacidade de comunicación.

Darío e o seu irmá Alfonso, na hoxemana ao seu pai no seu centenario

BIOGRAFIA DE DARÍO ÁLVAREZ GÁNDARA

(Tui, 1936-Nigrán, 2015)

Darío Álvarez Gándara, naceu en Tui (Galicia) en 1936. Fillo do médico tudense Darío Álvarez Blázquez e da tamén tudense Carmen Gándara Fernández, nace en Tui no seo dunha familia de médicos, escritores e intelectuais presente en numerosos feitos da vida social, cultural e política da cultura galega.

Desde moi pequeno, tivo unha dura infancia sementada de doenzas (tuberculose ósea nun pé), difteria nun ollo e un grave episodio de quirófano. Quizais daqueles duros anos naceu a súa enorme arela de vivir.

Logo da Guerra civil, en 1942, a familia Álvarez Blázquez trasladouse para vivir en Vigo, distanciándose do escenario do fusilamento de seu pai, o tamén médico, Darío Álvarez Limeses, que ocorrera o 30 de outubro do 1936.

En Vigo, estudou no colexio Mezquita e no instituto Santa Irene. Comezou os seus estudos de medicina en Santiago de Compostela. Pouco despois, coñece á que será a súa muller, a venezolana Gisela Álvarez Basso; logo de casar en 1959, pasan a vivir en Caracas, graduándose na Universidade Central de Caracas, en 1963. Nese ano, trasládase a Madrid, pasando por México, para realizar a especialización en cardioloxía, en México coa Dra. Victoria de la Cruz, que completa en Madrid, con Gómez Barros e co eminente cardiólogo Pedro Zarco. Unha vez concluída a especialidade, regresou a exercer como cardiólogo no Hospital Vargas de Caracas. Viviu en Venezuela case 11 anos.

En 1969, volveu a vivir en Vigo, definitivamente, con toda a súa familia, onde desenvolveu a súa profesión e foron criados os seus fillos, María Gisela (na sanidade pública), Carmen Cristina (no Banco Interamericano de Desarrollo en Washington), Carlota Inés (xestora cultural de renome) e o pintor Darío Álvarez Basso.

Regresado a España, comezou a traballar como médico. En 1975, gañou por oposición praza de médico adxunto, especialista en corazón e pulmón no Servizo de Medicina Interna do H. Xeral de Vigo onde traballou ata o ano 2000. No dito hospital creou o Servizo de Hospitalización Domiciliaria. Foi presidente da Sociedad Gallega de Cardiología e vicepresidente do Colexio Médico de Pontevedra.

Darío foi un excelente pintor; era esta a súa verdadeira paixón: “A pintura non é para min un hobby… é unha necesidade vital”. Nos seus primeiros anos, o seu estilo pictórico pode estar cerca do impresionismo, inda que logo se internou no simbolismo e no surrealismo, liñas que non abandonará. Grava en linóleo, utiliza acuarela, témpera, acrílico, ceras, óleo… Pinta paisaxes, retratos, figuras…Nunca expuxo en vida pero participou con obra en dúas exposicións colectivas no Hospital Xeral de Vigo. En 1999, gañou o primeiro premio no Concurso de Pintura do Colexio Oficial de Médicos de Pontevedra.

Tamén tivo un forte compromiso político con Galicia. En 1963, integrouse no Consello da Mocidade e logo foi cofundador do Movemento Socialista de Galicia, que se incorporou ao Partido Socialista Galego en 1976. O seu compromiso coa loita política partidaria durou desde 1958 ata xuño de 1977.

Unha vez xubilado, lanzouse a escribir “por lealdade filial”, seguindo o camiño trazado polo seu pai, publicando en Edicións do Cumio dúas novelas policiais en galego cuxo protagonista era o “Doutor Lázaro Evia” (que fora o pseudónimo do seu pai para aquel xénero): “Sireno” 1993 e “O fracaso de Lázaro Evia” 1996. En castelán publicou en Amazon “El Crimen Póstumo del General Franco” (2015).

Autor de múltiples artigos de opinión publicados na prensa local, foi colaborador habitual durante varios anos do xornal “Atlántico Diario”, onde inseriu preto de 1.000 “Manchetas” satíricas baixo o pseudónimo de “Donda”. O conto titulado “El Interventor” gañou en 1993 un accésit outorgado pola revista “Previsión Sanitaria Nacional”.

Darío Álvarez Gándara deixou un profundo calco de bonhomía, un grande recoñecemento como cardiólogo, tanto na medicina privada como na pública, e unha lembranza de simpatía e creatividade sen límites.

- Publicidade -

ÚLTIMA REVISTA

Publicidade

+ VISTOS

Publicidade
Publicidade



Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies