spot_img
InicioPontevedra e ÁreaIberdrola implantará unha nova tecnoloxía para a descarbonización do Porto de Vigo

Iberdrola implantará unha nova tecnoloxía para a descarbonización do Porto de Vigo

iberdrola-implantara-unha-nova-tecnoloxia-para-a-descarbonizacion-do-porto-de-vigoA iniciativa denomínase Onshore Power Supply (OPS) e permitirá abastecer, a partir de enerxía renovable, as demandas eléctricas dos buques atracados en porto e reducir así os seus niveis de contaminación atmosférica e acústica

Revista Cousas De Nº20

A Organización Marítima Internacional (OMI) marcou como obxectivo reducir as emisións no transporte marítimo canto antes e alcanzar as cero emisións netas en 2050.

Pola súa banda, a Comisión Europea publicou en 2021 o paquete Fit for 55, un conxunto de propostas que, entre outras medidas vinculadas ao transporte marítimo, potencian o uso de electricidade en porto como un dos mecanismos para lograr os obxectivos de descarbonización dos países membros da Unión Europea.

Neste contexto, o Porto de Vigo implantará da man de Iberdrola unha nova infraestrutura OPS (Onshore Power Supply) para abastecer, a partir de enerxía renovable, as demandas eléctricas dos buques atracados e reducir así os seus niveis de contaminación atmosférica e acústica.

A iniciativa posta en marcha por Iberdrola conta co apoio do Ministerio de Transportes, Movilidad e Axenda Urbana (MITMA) a través do Programa de Apoio ao Transporte Sostible e Dixital no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado polos fondos Next Generation da Unión Europea. O proxecto presentado por Iberdrola “Despregue Tecnoloxía Onshore Power Supply (OPS) e descarbonización da subministración eléctrica nos portos de Vigo, Pasaia e Alacante” foi seleccionado polo MITMA para recibir unha subvención de 1,9 millóns de euros.

O sistema permite a conexión dos buques á rede eléctrica terrestre durante a súa estancia en porto, de forma que os motores auxiliares que utilizan para os seus sistemas auxiliares (bombas de trasfega, sistemas de refrixeración, iluminación, equipos de emerxencia etc.)/ etc.), poidan manterse apagados durante todo o tempo que o buque permanece atracado para a carga e descarga de mercadorías ou persoas.

Eliminar emisións

En concreto, a compañía eléctrica desenvolverá na Terminal de coches do Porto de Vigo un sistema enerxético que terá o obxectivo de dar servizo aos buques de tipo Ro-Ro cargados de vehículos, un dos principais tráficos do porto. A instalación dun punto de carga de tipo OPS, ou cold ironing, eliminará localmente as emisións de gases de efecto invernadoiro e mellorará a calidade do aire na contorna do Porto.

Neste contexto, o presidente da Autoridade Portuaria viguesa, Carlos Botana, destacou o alto interese das navieiras por dispoñer desta infraestrutura, que reducirá a súa pegada de carbono, “convertendo Bouzas na primeira Terminal Ro-Ro de España en contar con este sistema, eliminando as emisións dos buques e os ruídos na Terminal, o que supoñerá dar un paso máis dentro da estratexia de Crecemento Azul que lidera desde o ano 2016”.

Botana, lembrou, ademais, que a institución que preside traballa, nestes momentos, noutras liñas de investimento para electrificar os seus peiraos, concretamente a Terminal de Contedores e de Cruceiros. En total, está previsto destinar 25,6M€ a diversos proxectos.

Segundo estimacións da Organización Marítima Internacional (OMI), o uso destas tecnoloxías emerxentes permite reducir ata 16 decibeis o impacto sonoro producido polos buques durante as operacións de carga e descarga, mellorando así a calidade de vida dos veciños das inmediacións do porto.

En definitiva, entre as vantaxes deste sistema destacan un aforro fronte a combustibles tradicionais, a redución das emisións locais emitidas á atmosfera e as vibracións e ruídos producidos durante a atracada, ademais do menor desgaste dos motores auxiliares. Así mesmo, a descarbonización da subministración enerxética será maior, xa que Iberdrola proverá aos buques con enerxía fotovoltaica xerada in situ.

Cobertura ao resto da contorna portuaria

“Así mesmo, cando os buques adaptados ao sistema electrificado non estean atracados, ou haxa excedentes adicionais, a enerxía fotovoltaica sobrante utilizarase para dar cobertura a outros operadores e clientes na contorna portuaria, fornecendo enerxía verde, e explorando modalidades de autoconsumo colectivo, nas que a compañía eléctrica asume o investimento inicial”, explica pola súa banda Borja Cancela, delegado comercial de Galicia e Asturias de Iberdrola.

O proxecto de electrificación do ecosistema portuario de Vigo de Iberdrola arrinca tras a adxudicación da concesión administrativa e prevese que estea en marcha en 2025.

A estación OPS contará cun equipo de conexión ao buque, unha solución de guindastre móbil montado sobre vehículo eléctrico que permitirá conectar o cable ao barco de forma rápida e segura.

De acordo con cálculos elaborados por Portos do Estado, a eliminación local de emisións que se consegue tras substituír a xeración eléctrica a bordo, producida mediante a queima de combustible, pola conexión do propio buque á rede supón unha redución drástica das emisións a nivel Estado respecto a a xeración mediante combustible mariño, dado o actual mix do sistema eléctrico español: un 96% de NOx, un 8% de SOx, un 94% de partículas e un 64% de CO2. A redución é maior en caso de fornecer con enerxías renovables, como será o caso de Vigo.

- Publicidade -spot_img