spot_img
InicioGaliciaHomenaxe celebrada polo aniversario do falecemento de Elías Valiña Sampedro o impulsor...

Homenaxe celebrada polo aniversario do falecemento de Elías Valiña Sampedro o impulsor do Camiño de Santiago

 

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou na homenaxe celebrada polo aniversario do falecemento de Elías Valiña Sampedro que tivo lugar na Capela Real do Hostal dos Reis CatólicosO pasado ano foron preto de 216 mil peregrinos de mais de 150 nacionalidades diferentes os que remataron o Camiño e este ano xa son mais de 237 mil os que chegaron a capital de Galicia

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou na homenaxe celebrada polo aniversario do falecemento de Elías Valiña Sampedro que tivo lugar na Capela Real do Hostal dos Reis Católicos

Nava Castro destacou durante o acto conmemorativo a intuición do sacerdote que preveu a importancia que tería a vía de peregrinación xacobea cando o número de peregrinos era certamente cativo.

Así mesmo, a directora de Turismo de Galicia, sinalou diversos aspectos relacionados coa figura de Valiña como a súa dedicación ao estudo e investigación arredor do Camiño, o seu labor de impulso ao, daquela, incipiente movemento asociativo e a súa activa colaboración coas administracións públicas. “Velaí unha das principais leccións do traballo realizado por Elías Valiña, buscar a implicación de todos os axentes involucrados neste proceso de recuperación da peregrinación” explicou Nava Castro. Así mesmo, destacou a súa xenerosidade, “moitas veces incomprendida”, que, renunciando a todo protagonismo, colocou ao peregrino no centro de todos os seus proxectos.

A directora de Turismo de Galicia sinalou que vivimos na actualidade un momento de espectacular crecemento do Camiño de Santiago, convertido nun referente non xa en Europa senón a nivel mundial. O pasado ano foron preto de 216 mil peregrinos de mais de 150 nacionalidades diferentes os que remataron o Camiño. Este ano xa son mais de 237 mil peregrinos os que chegaron a capital de Galicia. “Polo que hoxe como daquela son tamén moitos os retos que temos de abordar”, afirmou Nava Castro. Neste senso, explicou que a Xunta de Galicia está convencida que cómpre manter este espírito de Elias Valiña.

Nava Castro incidiu nos grandes esforzos que, en colaboración coas administracións locais, realiza Turismo de Galicia no mantemento, limpeza e conservación do Camiño de Santiago. “Estamos a piques de rematar a redacción do Plan Director do Camiño e a metade de febreiro o plan estratéxico e impulsamos novas iniciativas como a realización do Centro Internacional de Acollida aos Peregrinos no antigo asilo da rúa Carretas que hoxe mesmo aprobouse no Consello da Xunta”, explicou.

A estas actuacións hai que engadir as realizadas no marco da conmemoración do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago de Compostela nas que destacan as numerosas exposicións, as actuacións musicais ou as grandes citas como a convocatoria para os días 4, 5 e 6 de xuño do 1º Encontro Mundial en Galicia das Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago ou o I Congreso Internacional de Peregrinacións xa celebrado onde se ratificou unha declaración sobre Turismo e Peregrinacións. Nesta declaración se fixo un chamamento unánime a todos os actores involucrados co fin de destacar a valiosa contribución das peregrinación e do turismo sostible ao diálogo intercultural, reforzar a cooperación entre os múltiples actores e fomentar a comunicación multidireccional entre outros acordos adoptados.

“O Camiño é o que é hoxe grazas a incansable labor de Elías Valiña, un promotor que continúa sendo un modelo para moitos de nós e que ocupará sempre un lugar sinalado na historia do Camiño de Santiago, o Cebreiro e Galicia en xeral”, concluíu a directora de Turismo de Galicia.

XIX Premio Elías Valiña á Asociación de Amigos do Camiño de Santiago en Xapón
Este ano o xurado do XIX Premio Elías Valiña convocado pola Consellería de Cultura concedeu dito galardón á Asociación de Amigos do Camiño de Santiago en Xapón pola súa esforzada actividade para promover, difundir, asesorar e colaborar cos peregrinos que dende Xapón realizan o Camiño de Santiago.

Un dos máis importantes conservadores e promotores do Camiño
A relación de Elías Valiña co Camiño de Santiago é extensa e admirable. Nos anos 1961 e 1962 elaborou a tese sobre “O Camiño de Santiago. Estudo histórico-jurírico”.

En 1984 emprendeu a sinalización do Camiño de Santiago, con frechas amarelas, dende Francia ata Compostela. No traxecto galego realizou varios traballos de limpeza, recuperación de tramos perdidos, enumeración quilométrica, etc. Hoxe considéranse o seu traballo de sinalización como a delimitación máis segura dos tramos orixinais da ruta xacobea.

Por todo isto pode dicirse, sen dúbida, que Elías Valiña foi un dos máis importantes conservadores e promotores do Camiño de Santiago como ruta de peregrinación e turismo. De aí que fose nomeado por unanimidade comisario do Camiño de Santiago durante o I Encontro Xacobeo celebrado en Compostela en 1985. Inicia entón a publicación do Boletín do Camiño de Santiago, coa finalidade de promover a creación de asociacións de Amigos do Camiño de Santiago, que velarán pola conservación das súas respectivas parcelas ao longo da ruta.

 

- Publicidade -spot_img