A conselleira do Medio Rural e do Mar participou na inauguración do XVIII Pleno da Asociación Española de Titulados Náutico Pesqueros (AETINAPE)
Un total de 3.800 alumnos e alumnas formáronse este ano en materia náutico-pesqueira grazas aos case 200 cursos ofertados pola Xunta nos seus diferentes centros de formación.
Así o destacou onte a conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, na apertura do XVIII Pleno da Asociación Española de Titulados Náutico Pesqueros (AETINAPE), que se celebra no Instituto Politécnico Marítimo Pesqueiro do Atlántico, centro de formación dependente da Consellería que está a celebrar os seus cincuenta anos de historia.
Rosa Quintana salientou por un lado os 99 cursos específicos dirixidos a mellorar a formación nos ámbitos marítimos e de mergullo, nos que participaron un total de 1.800 alumnos, dos cales máis da metade ten menos de 30 anos e preto dun 20% foron mulleres. Estes cursos centráronse en aspectos como a seguridade, a loita contra incendios, a operación do sistema mundial de socorro e os coñecementos sanitarios.
Ademais, tal e como indicou a conselleira, escolas náutico-pesqueiras como esta de Vigo e as de Ferrol e Ribeira, así como o Instituto Galego de Formación en Acuicultura, acolleron outros 100 cursos de titulacións náutico-pesqueiras menores, que chegaron a acoller a outras 2.000 alumnas e alumnos.
A conselleira sinalou que a adquisición de coñecementos a través da formación é clave entre os medios dispostos para mellorar a seguridade no mar. Neste sentido, afirmou que “unha formación completa e axustada ás necesidades é sinónimo de concienciación, de éxito e de seguridade”. Advertiu, en todo caso, que a capacitación non remata ao final do ciclo formativo, “senón que é aí cando comeza o seu desenvolvemento, xa que este mundo da náutica-pesqueira avanza a toda máquina”. Dixo ademais que isto en Galicia ten unha importancia capital, lembrando que a nosa Comunidade conta con máis de 4.500 embarcacións pesqueiras, case 150.000 GT´s e unha potencia que supera os 386.000 CV.
Rosa Quintana rematou a súa intervención sinalando que o que se persegue coa formación no eido marítimo-pesqueiro é “conseguir persoas formadas que arrastren consigo capacidade de liderado e recuperen a ilusión polo mar. Facer que o mar sexa unha fonte de emprego e motor da recuperación ecónomica”.