spot_img
InicioBaixo MiñoHistoria de dúas cidades: O Pacto de Tui en 1137

Historia de dúas cidades: O Pacto de Tui en 1137

Vista de Valença do Minho desde o Parador de Tui

Existen acontecementos que pola súa transcendencia poden transformar territorios. Os tratados, pactos ou acordos poden ter esa capacidade transformadora desde movimentos imperceptiveis ata posicións consolidadas.

Isto acontecería en Tui no ano 1137, dúas poderosas personaxes como Alfonso VII de León e Afonso Henriques de Portugal ceden nos seus impulsos guerreiros para asinar un acordo de paz. Por unha banda Alfonso VII recoñecía ao seu curmán o poder sobre Portugal, pola outra parte Afonso Henriques aceptaba o dominio simbólico do emperador. No medio ficaría o Miño, nin Alfonso VII avanzaría cara o sur nin polo momento Afonso Henriques reclamaría a totalidade do territorio tudense. Deste xeito o río Miño pasaría a ser fronteira política dividindo en dous a rexión eclesiástica e histórica de Tui.

Cómo se chegou ata aquí?

O territorio miñoto estaba en disputa desde tempos das raíñas Urraca e Teresa. Por un lado as forzas centrípetas do poder leonés encarnado por Urraca e polo outro as forzas centrífugas dun territorio periférico como o de Portugal liderado por Teresa, irmá de Urraca, fillas ambas de Alfonso VI de León.

Historia de dúas cidades: O Pacto de Tui en 1137
Alfonso VII

O territorio miñoto formaba unha unidade eclesiástica e histórica que botaba as súas raices no reino suevo de Braga. O fillo de Teresa, Afonso Henriques mantería as reclamacións sobre o territorio tudense en base aos mesmos argumentos da súa nai.

Os continuos intentos do rei portugués ao longo do século XII de unificar o sur e norte do Miño baixo o seu dominio baseábase na explicación histórica da antiga rexión bracarense.

Alfonso VII e Afonso Henriques trabarían batalla polo control do territorio miñoto logo da súa ocupación polo fillo de Teresa de Portugal. Ficaría en táboas a partida de 1137 non só motivado polo equilibrio de forzas dos dous contendentes senón e tamén pola necesidade de defensa dos seus reinos dos ataques almorávides.

O equilibrio acadado en 1137 sería fundamental para entender a estabilidade desta fronteira como liña imaxinaria entre dous reinos sen que os acontecementos posteriores puideran modificar a fronteira deseñada en Tui.

Para Afonso Henriques o tratado de 1137 convertirase nun punto e aparte, sería a partires de aquí que asine como rei de Portugal consolidando o título ao longo de varias décadas.

A partires do acordo entre os dous monarcas o couto urbano de Tui, que se extendía a un lado e outro do Miño, comeza a esmorecer para dar paso a unha fronteira física sinalada polas poboacións que funden os monarcas portugueses desde fins do século XII.

Na parte sur do couto de Tui, o chamado “transmineo” (no actual municipio de Valença) sería fundada a primitiva Valença (Contrasta) polo fillo de Afonso Henriques, o rei Sancho I, facendo visible a fronteira a través da súa urbanización, de afrontar vilas e castelos.

Historia de dúas cidades: O Pacto de Tui en 1137
Afonso Henriques

Os lazos entre as ribeiras miñotas cimentábanse no eclesiástico, no cultural e no social. No eclesiástico estaba establecido o bispado de Tui desde o ano 568, entre o río Lima e o río Verdugo. Este territorio conservaríase ata o ano 1444 cando fique segregada a rexión do Entre Minho e Lima do núcleo tudense.

No cultural existían tradicións comúns ou factores artísticos compartidos como a extensión do románico pola diócese desde os talleres da Catedral de Tui.

No aspecto social hai que ter en conta o protagonismo da nobreza miñota no apoio a Afonso Henriques, nobreza con bens e facendas a un lado e outro do Miño. O conde Gómez Núñez é o mellor exemplo do poder feudal miñoto no século XII. O control sobre castelos e fortalezas levaríalle a ser unha peza fundamental na estratexia dos monarcas leoneses ou portugueses decantándose a partires de 1139 por Afonso Henriques. Non podemos esquecer como a filla do conde miñoto, Flamula Gómez, sería amante do rei portugués o que inclinaba as influencias de Gómez Núñez.

Historia de dúas cidades: O Pacto de Tui en 1137

Outra familia importante sería a de San Teotonio, orixinaría de Ganfei, contaba con presenza a ambos lados do Miño. Os vencellos do primeiro santo portugués coa catedral de Tui chegaría ao envío de coengos desde Coimbra no ano 1138 para a canónica tudense.

Cómo era Tui no século XII?

No momento da sinatura do tratado, en 1137, a cidade reducíase ao promontorio arredor da mesma catedral. Un vello burgo fortificado de tempos do rei Ordoño I (850) que formaba unha améndoa con eixo entre a catedral e a Oliveira (actual convento das Clarisas).

Tui acolle o II Forum Peregrino organizado pola Asociación Iacobus
Convento das Clarisas

Aínda conservamos restos de murallas desa época próximas do chamado túnel das monxas. Este mesmo túnel é unha parte da fortificación da cidade, unha porta-fortaleza construida en 1125 pola raíña Teresa, que se chamaría a Torre Vella cando se incorpore como unha peza máis do poder feudal dos bispos sobre a cidade de Tui.

A catedral era un edificio en avanzado estado de construcción. O mesmo Alfonso VII nos falaría en 1142 do campanario catedralicio o que significaría que o cruceiro do templo xa estaba edificado. Do mesmo xeito estaban rematadas a sala capitular e o cileiro románico, estructuras na parte oriental do claustro gótico, que formaban parte da administración diocesana.

As "Badaladas" de San Telmo e o Patrimonio Cultural Inmaterial

Alfonso VII construiría unha torre xunto do campanario da catedral entre os anos 1137 e 1142. Esta fortaleza sería doada aos bispos xunto co nomeamento dos xuices da cidade, motivo este último polo que se pasaría a chamar “Torre do Concello” na documentación medieval. Partes desta torre románica eran visibles na casa consistorial ata mediados do século XX.

Historia de dúas cidades: O Pacto de Tui en 1137
Claustro da Catedral de Tui

Os bispos de Tui comezarían a residir na Oliveira nesta mesma época. A “Domus episcopi” sería a orixe dos Pazos e Torres do bispo como a fortaleza máis importante da cidade medieval. Na Oliveira tamén sería edificada a sinagoga, centro da comuna xudía. A igrexa de Santa María da Oliveira era un edificio de orixe románica que probablemente tivo un dobre cometido: ser a igrexa para o Pazo episcopal e servir para a posible conversión das familias xudías ao cristianismo.

i-xornadas-arqueoloxicas-e-do-patrimonio-do-concello-de-tui

Non só contaba Tui cun núcleo central, os arrabaldes do burgo xa estaban moi activos reflectindo a súa función económica como o de San Xoán de Porto (San Domingos) ou San Bartolomeu. O mosteiro de San Bartolomeu sería o lugar escollido polos bispos de Tui como sede catedralicia no século XI. A igrexa de San Bartolomeu aínda conserva a orixinalidade do primeiro románico en Galicia e lugar que foi de concilios ata comezos do século XII.

a-mellora-da-interrelacion-da-beira-do-rio-en-tui-obxecto-dun-concurso-internacional-de-ideas

No tratado de Tui converxen aspectos políticos e urbanos. No político o comezo da maduración de Portugal como reino, no urbano a separación das dúas ribeiras en sendos núcleos urbanos que formarían desde o século XII o máis antigo continuo urbano transfronteirizo do mundo.

◊Reportaxe incluída no nº 8 da nos revista COUSAS DE – edición Baixo Miño

Por Suso Vila, Doutor en História da Arte

- Publicidade -spot_img