spot_img
InicioVigo e áreaVigoGuillermo Monroy protagonista da primeira xornada do ciclo "Revisando a nosa arte"...

Guillermo Monroy protagonista da primeira xornada do ciclo “Revisando a nosa arte” que organiza o Consello da Cultura Galega

Guillermo Monroy protagonista da primeira xornada do ciclo "Revisando a nosa arte" que organiza o Consello da Cultura Galega

Co gallo do ciclo Revisando a nosa arte, o Consello da Cultura Galega trae a Vigo a súa xornada inaugural, co artista Guillermo Monroy, referente do grupo Atlántica. Será o martes, día 24 de xaneiro, a partir das 17.00, na Galería A3 do MARCO.

Dentro do ciclo Revisando a nosa arte, O Consello da Cultura Galega abre con esta xornada unha serie de citas con artistas que formaron parte do grupo Atlántica, unha das máis afoutas referencias creativas da nosa plástica que, nos comezos dos anos oitenta do pasado século, mudaron boa parte da faceta artística de Galicia cunha conxunción de miradas e de propostas que, dende diferentes territorios persoais, formularon a idea de mudanza dentro do cambio que a propia sociedade procuraba na superación dos anos do franquismo.

Cousas de revista nº16

Guillermo Monroy (Navia, Asturias, 1954 – Vigo, 1982) formou parte dende o primeiro momento da xénese de Atlántica, á que non lle achegou tan só a súa conciencia plástica, senón tamén o seu carácter dinámico e aglutinador, que serviu para espallar entre os seus compañeiros ese interese colectivo por propoñer unha nova estratexia artística que mudase o panorama do momento, en resposta ás novas inquedanzas e arelas de progreso e liberdade dos seus protagonistas.

A xestualidade enxerida sobre a superficie artística de Guillermo Monroy configurouse como unha das linguaxes máis interesantes daquela tribo.

As súas pegadas no soporte, a xeometrización do espazo e o manexo da cor formaron parte dunha liberdade e unha radical frescura que se mantén acesa aínda hoxe cando nos enfrontamos ás súas obras. Dous relatorios atenderán á súa propia creatividade, que se viu fatalmente detida coa súa prematura morte aos vinte e oito anos, pero que deixou un abraiante e maduro proxecto persoal. Ramón Rozas aproximarase ao valor do grupo, a como Atlántica fundou un novo ecosistema plástico en Galicia e como, dentro del, Guillermo Monroy soubo xerar esa linguaxe que hibridaba unha realidade local con propostas pictóricas que estaban activas noutras latitudes internacionais.

Ángel Cerviño traballou nos últimos anos no propio estudio do pintor na procura de pistas e achados para artellar un novo relato dende o presente e dende a súa singularidade pictórica sobre a mirada que hoxe temos que establecer con aquela pintura. Para rematar, unha mesa redonda coa participación, xunto a Ángel Cerviño, de dous dos compoñentes de Atlántica máis próximos a Guillermo Monroy, Antón Patiño e Menchu Lamas, servirá para propoñer pontes entre o onte e o hoxe, entre aquel tempo de alborada e o pouso que queda hoxe coa pintura de Guillermo Monroy como catalizador.

- Publicidade -spot_img