spot_img
InicioVigo e áreaVigoGreenpeace e Mulleres Bicivisíbeis lanzan un proxecto para que haxa máis mulleres...

Greenpeace e Mulleres Bicivisíbeis lanzan un proxecto para que haxa máis mulleres ciclistas en Vigo

Greenpeace e Mulleres Bicivisíbeis lanzan un proxecto para que haxa máis mulleres ciclistas en VigoAs organizacións impartirán cursos para ensinar a mulleres a montar en bicicleta e desprazarse con seguridade pola cidade e as prazas para inscribirse están abertas

Greenpeace e o colectivo ecofeminista Mulleres Bicivisíbeis veñen de lanzar un proxecto en Vigo para contribuír a aumentar o número de mulleres ciclistas na cidade e deste xeito impulsar o transporte sostíbel non motorizado en detrimento dos vehículos particulares. Para iso, varias mulleres capacitáronse como instrutoras coa asociación A Golpe de Pedal, para impartir cursos, dirixidos a mulleres, para aprender a montar en bicicleta. Nunha segunda etapa do proxectodarán conta de saídas de acompañamento pola cidade que permitan ás novas usuarias da bicicleta manexarse con seguridade e superar posibles medos.

Os cursos están dirixidos a mulleres maiores de 16 anos que non saiban andar en bicicleta e terán unha duración de dúas fins de semana consecutivas (venres e domingos), en sesións de 2 horas cada unha no Parque de Castrelos. O primeiro destes cursos, para o que as aspirantes xa se poden apuntar nun formulario, realizarase os días 21, 23, 28 e 30 de maio. Nel tódalas participantes contarán cun seguro de actividade.

Mobilidade en Vigo
Acadar unha mobilidade sostíbel está aínda moi lonxe de ser unha realidade en Vigo, unha das cidades de España con maior uso do vehículo privado. Das aproximadamente 750.000 viaxes diarias que se realizan no municipio, case o 70% son motorizadas, cifra que ascende ao 80% cando consideramos as viaxes exteriores (1). De feito, a urbe olívica aínda está nas primeiras etapas para instaurar a bicicleta como un medio de transporte urbano. Inaugurouse boa parte do primeiro carril bici que cruzará a cidade desde Teis a Samil e estase a construír outro por parte da Autoridade Portuaria en Beiramar, pero a cidade dista moito aínda de contar cunha infraestrutura ciclista ampla e conectada que faga da bicicleta unha alternativa real de transporte.

Por esta e outras razóns o número de persoas usuarias da bicicleta é aínda moi baixo, polo que cómpre o seu aumento para que a demanda social por unha mobilidade sostíbel sexa maior e, por tanto, que se implementen políticas máis decididas respecto diso. Ademais, existe unha desigualdade de xénero estrutural na mobilidade, que no caso das mulleres caracterízase por un menor acceso ao coche, un maior uso do transporte público, máis desprazamentos a pé e menos en bicicleta, por iso é polo que Greenpeace e Mulleres Bicivisíveis centran o seu proxecto nas mulleres.

No perfil das persoas ciclousuarias (2) domina un público masculino e novo e existen moitas máis mulleres que non tiveron a oportunidade de aprender a montar en bicicleta na cidade. Un 15% das mulleres -fronte a un 5% dos homes- non sabe montar en bicicleta, porcentaxe que medra coa idade das persoas analizadas. A isto hai que sumar o feito de que moitas máis mulleres que homes senten medo ou vense menos capaces á hora de circular polas cidades debido á agresividade do tráfico. Tamén afecta o acoso que sofren as mulleres á hora de desprazarse pola cidade, especialmente se van soas.

O proxecto de Greenpeace e Mulleres Bicivisíbeis quere tamén chamar a atención sobre a necesidade de que a aposta pola mobilidade ciclista por parte do Concello de Vigo sexa máis decidida. Para iso, traballan co colectivo Vigo Ciclábel reclamando medidas como un plan director ciclista, unha oficina da bicicleta, pacificación do tráfico, unha rede de alugueiro de bicis e en xeral a construción de novos carrís bici, creación de espazos públicos seguros para aparcar as bicicletas e a aposta pola intermodalidade do transporte público (bus e barco) que inclúa a bici.

- Publicidade -spot_img