No Concello de Gondomar e en concreto a sua Concellería de Igualdade, consideran que a actual situación require dunha resposta unánime de toda a sociedade que poña de manifesto o rexeitamento de todas as formas de violencia contra as mulleres. Para iso, animan ao sector do comercio e a todos os axentes sociais do municipio a implicarse na conmemoración do 25 de novembro.
“Dende o Concello con ‘Gondomar en Negro’ propoñémosvos vestir de loito a nosa vila en sinal de dor pola violencia de xénero, e como resposta a máis dura das súas consecuencias, a morte. Porque consideramos que tedes o protagonismo das rúas de Gondomar , e sodes o gran escaparte que pode transmitir á cidadanía a mensaxe de denuncia e solidariedade: queremos Gondomar libre de violencia de xénero.”
Do 19 a 26 de novembro viste a túa tenda, comercio, empresa, bar, posto do mercado, etc. de negro, viste os manequíns, os manteis do teu restaurante, ou a ti mesmo/a de negro, nós facilitarémosche material e información que tamén compartiremos nas redes sociais.
Mañá venres 16 de novembro, dende as 17.00 ata as 20.00 horas e o sábado dende as 11.00 ata as 13.00 na Sala de Xuntas do Concello de Gondomar haberá un reparto do material (bolsas, camisetas para vestir os manequíns , mandís e cartáceas hasta fin de existencias) a todos aqueles que queiran participar.
O 23 de novembro haberá unha concentración na Praza do Concello as 12.00 horas onde procederase a lectura do Manifesto.
O domingo 25 no Auditorio Lois Tobio, cinema documental Crónicas de Silencio e Sal, a entrada e de balde, e tamén durante a fin de semana diferentes equipos deportivos de Gondomar xogarán coas camisetas co lema “Gondomar en Negro Contra a Violencia”.
Esta campaña desenvolverase conxuntamente con outras 106 vilas e cidades galegas baixo o lema En Negro Contra As Violencias co obxectivo de poñer sobre as axendas, coa maior contundencia posible e dunha vez por todas, a violencia xénero como un problema público, de toda a cidadanía.
Se queres participar podedes enviar un correo electrónico a alcaldia@concellodegondomar.com cos datos do establecemento (nome e enderezo) e da persoa de referencia (nome e teléfono) para maior información.
DÍA INTERNACIONAL DA ELIMINACIÓN DA VIOLENCIA CONTRA A MULLER
O 17 de decembro de 1999 a Asemblea Xeral das Nacións Unidas declarou o 25 de novembro como Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, convidando a gobernos, organizacións internacionais e organizacións non gobernamentais a desenvolver actividades dirixidas a sensibilizar á poboación respecto da situación de violencia na que viven moitas mulleres.