spot_img
InicioPontevedra e ÁreaGala dos II Premios á Xuventude da Deputación de Pontevedra

Gala dos II Premios á Xuventude da Deputación de Pontevedra

Gala dos II Premios á Xuventude da Deputación de PontevedraCarmela Silva enxalza o talento, o compromiso e a creatividade da mocidade da provincia na Gala dos II Premios á Xuventude da Deputación de Pontevedra

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xunto a deputadas e deputados do goberno provincial, presidiu esta tarde no Salón de Plenos do Pazo a gala dos Premios Provinciais á Xuventude, que galardoaron as mellores iniciativas en categorías de proxectos sociais, educación en valores, emprendemento, novas tecnoloxías, música ou literatura entre outras. Os premios, impulsados por segundo ano consecutivo pola Deputación, teñen unha contía total de 22.000 euros e buscan como principal obxectivo a promoción do talento e do potencial da mocidade da provincia de Pontevedra. A gala, marcada pola vangarda, o uso das TICS, as actuacións musicais e a presenza de centos de persoas que encheron o Salón de Plenos do Pazo provincial, contou tamén no escenario cun show cooking a cargo de Anxo Souto, profesor do Centro Carlos Oroza, e dous dos seus alumnos.

A presidenta mostrou a súa emoción “porque temos unha mocidade con tanto talento, ideas e proxectos tan potentes que me atrevo a dicir que temos o futuro garantido”

Carmela Silva mostrou a súa emoción ao asegurar que “estes premios, en só dous anos, pasaron de ser unha acción para dar visibilidade a ser unha acción para presumir. Si, para presumir da mocidade que innova, que emprende, que crea, que se supera e que vén pisando moi forte”. A presidenta provincial, tamén quixo recalcar que se sente “orgullosa de representar á provincia facendo entrega destes premios que deixan moi claro que o talento e a innovación é tan grande que estou convencida de que temos garantido o futuro”.  Na súa intervención, Silva tamén quixo destacar a dimensión “dunha acción que mostra o talento e o compromiso da mocidade pontevedresa. É unha radiografía dunha provincia na que as mozas e os mozos participan activamente e o seu talento é recoñecido, como debe de ser nunha sociedade igualitaria”, apuntou a presidenta. Tamén apelou ás gañadoras e aos gañadores ao dicirlles que “contamos con vós para construír o futuro. Grazas por facer que nos sintamos orgullosas e orgullosos e por recordarnos a todas e todos que nesta provincia o talento escríbese con “X” de xuventude”, rematou Silva.

En total presentáronse aos segundos Premios Provinciais á Xuventude 68 traballos dos cales 26 foron propostas para a modalidade de fotografía, 16 para traballos literarios breves, 6 gravacións musicais, 6 propostas na categoría de blogs, 5 de iniciativa empresarial, 4 proxectos de educación en valores e 5 de iniciativa social. O xurado tivo que seleccionar entre as 68 propostas enviadas aos premios as tres mellores nas modalidades de traballo musical, fotografía, educación en valores, iniciativa empresarial, iniciativa social, blogs e as dúas mellores na categoría de traballo literario, que engloba as categorías de narrativa e poesía.

Na modalidade de iniciativa social, o primeiro premio foi para Fernando Baquero Díaz-Maroto de Pontevedra polo “Programa Rodando”.  Este proxecto mestura deporte, diversión e inclusión co obxectivo de facer visibles e involucrar ás persoas con diversidade funcional. O segundo premio gañouno Lara Rodríguez Burgos do Porriño por “Porque me sale del moño” que se trata dunha iniciativa innovadora que organiza exposicións e obradoiros para concienciar, dende as idades máis temperás, sobre a violencia machista dende a arte. O terceiro premio foi para Claudia Alonso Alonso e Alejandro Rodríguez de Tui por “Agora ti” que tamén ten como temática a violencia machista, pero no ámbito deportivo e das redes sociais.

María Sandra Rodríguez Burgos, do Porriño, recibiu o primeiro premio na modalidade de iniciativa empresarial pola plataforma online “30K Coaching”, que se basea na conexión entre potenciais clientes e clientas de coaching con profesionais e contidos especializados na área que cada un ou unha buscan. O segundo premio recibiuno Borja Conejero Jordán de Vigo por “Del mar al plato”, una iniciativa empresarial que consiste na oferta de produtos das lonxas galegas, conservas, viños galegos e produtos gourmet dirixidos a particulares. O terceiro recaeu en Iris Mallafre Villot de Vigo por “Vahidé CB”, un espazo onde se combina a venda de produtos artesanais, deseñados e feitos no país, con talleres e cursos que teñan relación coas manualidades.

Na modalidade de educación en valores, o IES Ribeira do Louro do Porriño recibiu o primeiro premio. A súa iniciativa, “Teatro que educa”, que consistiu en traballar co teatro dende diferentes temáticas e valores. Nesta mesma categoría, o segundo premio recibiuno o IES Chano Piñeiro de Forcarei por “Igualdade no Chano Piñeiro”, un proxecto que fomenta e traballa valores moi importantes como a detección de “micromachismos” ou as referencias que se poidan facer a estes. O terceiro premio recaeu en Vigo, no CPR Plurilingüe Monterrey por “O noso plan de convivencia”.

Jacobo Caruncho Pérez, de Vigo, recibiu o primeiro premio na modalidade de blogs pola iniciativa “Empositivo”. O segundo premio levouno Hortensia Gesteira Estévez, de Bueu, por “Lecturafilia”. O terceiro premio recaeu en María Sandra Rodríguez Burgos, tamén primeira premiada na categoría de “Iniciativa empresarial”, por “30K coaching”.

Na modalidade de fotografía orixinal, recibiu o primeiro premio Rebeca López Villar, de Vigo, por “O caso é dar con elas”, unha composición poética na que se xoga coa aparición e coa desaparición. O segundo premio foi para Helena Constenla Lorenzo, de Poio, por “Volviendo a ser”, que traballa co movemento e amosa a vitalidade da xuventude. O terceiro foi para Carolina Sertal Souto, de Redondela, por “Invisible”, que xoga coa metáfora da invisibilidade.

En canto aos mellores traballos musicais, o primeiro e o segundo premio quedaron desertos. O terceiro recibiuno Loiros Agulla, de Vigo, por “Rebirthmark”, unha composición baseada no poema “Love after love” de D. Walcott. Por outra banda, na modalidade de traballo literario breve hai dúas categorías. Na de narrativa, o primeiro premio ex aequo foi para: “Candela” de Sandra Ferreiro García e “La Cueva” de María Teresa Pereiro Pereiro. O segundo foi para Andrés Sierra Cardalda por “El vecino”. No caso de poesía, o primeiro premio recaeu en Carolina Sertal Souto por “Anguria”, que tamén recibiu o terceiro premio na categoría de “Fotografía orixinal”. O segundo foi a parar a Marina Tilve Gallego por “(Sobre)vivindo”.

A gala de entrega destes Premios Provinciais á Xuventude 2018, que foi retransmitida por streaming a través da web da Deputación de Pontevedra, estivo amenizada pola artista “Pack”. Por último, os trofeos entregados foron elaborados polas e polos estudantes da Escola de Cantería da institución provincial.

- Publicidade -spot_img