spot_img
InicioGalicia'Gastronomía para non perderse', unha serie documental sobre os produtos da cociña...

‘Gastronomía para non perderse’, unha serie documental sobre os produtos da cociña tradicional galega

'Gastronomía para non perderse', unha serie documental sobre os produtos da cociña tradicional galegaA produción audiovisual consta de cinco entregas que se poden ver de balde no Portal da Lingua Galega e na plataforma das bibliotecas GaliciaLe

A Xunta de Galicia pon en marcha o proxecto audiovisual Gastronomía para non perderse, unha serie documental que ten como obxectivo poñer en valor os produtos tradicionais da cociña galega, a través de cinco entregas conducidas polo xefe de cociña André Arzúa.

A serie céntrase en cinco manxares propios da cociña galega –congro seco, sardiña lañada, queixo de Arzúa, pan do país e androia− protagonistas de cadansúa entrega de Gastronomía para non perderse, que desde onte pode verse de balde a través do Portal da Lingua Galega, e próximamente se incorporará á plataforma da Rede de Bibliotecas Públicas GaliciaLe.

Congro seco, sardiña lañada, queixo de Arzúa, pan do país e androia protagonizan cada unha cinco entregas, onde ademais dos seus usos culinarios, abordarase a influencia destes produtos na economía e na cultura do país

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presentou hoxe esta iniciativa que forma parte do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021, nun acto no que tamén participaron o impulsor e condutor do proxecto, André Arzúa, e o director da biblioteca Ánxel Casal, Jesús Torres.

Valentín García salientou “o importante valor que ten este traballo na recuperación e na visibilidade de prácticas gastronómicas tradicionais de Galicia e da consecuente recuperación dun vocabulario galego propio deste ámbito de especialidade que tanto enriquece a lingua”. Así mesmo, agradeceu a colaboración de André Arzúa neste proxecto e o seu afán “por dar a coñecer a nosa cociña tanto en Galicia como no resto do mundo”.

Cociña, tradición, lingua e cultura como ingredientes

En Gastronomía para non perderse únense cociña, tradición, lingua e cultura, a través de cinco documentais que foron gravados entre xullo e novembro do 2020 en distintas localidades da nosa xeografía, centrados todos eles na posta en valor de varios produtos alimentarios galegos que gozan de distinta popularidade.

Cada capítulo, duns 25 minutos, está centrado nun produto concreto –congro seco, sardiña lañada, queixo de arzúa, pan do país e androia– trasládase co cociñeiro ao lugar onde o produto é orixinario para coñecer a persoas locais que se encargan da súa elaboración. Así, indaga na historia destes alimentos e na súa influencia económica, patrimonial, gastronómica e mesmo lingüística, pois como amosa a serie, existe un rico vocabulario característico para cada un destes procesos de produción artesanais difícil de coñecer fóra do seu eido.

Gastronomía no Fondo Xacobeo 2021

O audiovisual Gastronomía para non perderse forma parte dos recursos dixitais da modalidade Xacobeo, turismo, xeografía, paisaxe, gastronomía, usos e costumes sociais do Fondo Xacobeo 2021, un repositorio de contidos creativos de interese cultural en lingua galega creado pola Xunta de Galicia no marco do Plan de reactivación do sector cultural fronte aos efectos derivados da covid-19.

O devandito repositorio, integrado por contidos tanto virtuais coma presenciais, inclúe outros centrados na gastronomía como Un mantel de contos, desenvolto presencialmente en outubro no concello de Lalín da man do contador Celso Sanmartín e do cociñeiro Diego López Moli, ou Produtos viaxeiros, un documental que xorde da colaboración entre a produtora audiovisual Zinquin e o portal de cultura gastronómica Boísimo, un proxecto creado por GCiencia para divulgar a riqueza da investigación, do produto e da cociña de Galicia, e que está dispoñible tamén no Portal da Lingua Galega.

- Publicidade -spot_img