spot_img
InicioCondado ParadantaA CañizaGalicia e o Norte de Portugal apostan por abrir máis pasos fronteirizos...

Galicia e o Norte de Portugal apostan por abrir máis pasos fronteirizos para reactivar a actividade económica

Galicia e o Norte de Portugal apostan por abrir máis pasos fronteirizos para reactivar a actividade económicaO Goberno galego e a CCDRR-N acordaron realizar unha petición conxunta aos Executivos de España e Portugal para habilitar máis pasos que permitan o tránsito dos traballadores transfronteirizos e de mercadorías

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, mantiveron hoxe unha xuntanza por videoconferencia co presidente da Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte de Portugal (CCDR-N), Fernando Freire de Sousa, para analizar as diferentes liñas de cooperación entre Galicia e o Norte de Portugal de cara a reactivar a economía na Eurorrexión.

A Xunta e o Norte de Portugal apostan por flexibilizar de forma gradual os controis fronteirizos debido á particular permeabilidade da “Raia”, á relevancia das eurocidades na recuperación económica e a que a incidencia sanitaria do coronavirus é similar nestas áreas de fronteira. Por iso, solicitarán a través dun comunicado conxunto aos Gobernos de España e Portugal que se habiliten máis pasos fronteirizos a maiores dos dous que existen na actualidade para “evitar que moitos traballadores que cada día cruzan a fronteira teñan que realizar desprazamentos moi longos que nalgúns casos superan os 100 quilómetros”.

O vicepresidente da Xunta sinalou tras o encontro que, dos 27 pasos fronteirizos existentes entre Galicia e o Norte de Portugal, só están abertos o que comunica as localidades de Tui e Valença e entre Chaves e Verín, que están a concentrar máis da metade do tráfico entre España e Portugal desde o inicio do estado de alarma. Aínda que 22 dos pasos corresponden á provincia de Ourense, a maior parte son de pouco tránsito, e a circulación concéntrase nos cinco da provincia de Pontevedra.

Así, explicou que da mesma forma que o Goberno galego vén solicitando a mobilidade entre as catro provincias galegas debido a que teñen a mesma situación epidemiolóxica, demanda unha maior permeabilidade dos controis nestas áreas de fronteira para o tránsito dos traballadores transfronteirizos e de mercadorías.

Na reunión tamén se abordou a necesidade de retomar as relacións económicas e sociais “a ambos lados da fronteira”. Alfonso Rueda anunciou que se deseñará un plan de investimentos transfronteirizos post-covid con tódolos axentes implicados co obxectivo de “identificar as actuacións que precisan máis celeridade neste novo escenario”. No marco deste plan está prevista a celebración dunha reunión no mes de xuño para detectar os elementos claves nos que comezar a traballar.

Desta forma, incidiu na importancia de manter e reforzar esta colaboración entre Galicia e o Norte de Portugal, afianzada durante anos, para afrontar os futuros retos e mellorar a calidade de vida dos veciños que residen a ambos lados da “Raia” e que esa “unión” permita “máis posibilidades de obter financiamento exterior para proxectos de cooperación transfronteiriza”.

No encontro tamén se abordou a importancia dos proxectos do programa de cooperación transfronteiriza INTERREG V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020 e analizouse o traballo da Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal (GNP-AECT), que está a atender as consultas dos cidadáns da Eurorrexión sobre temas sanitarios e laborais e sobre o peche de fronteiras e controles fronteirizos.

- Publicidade -spot_img