O conselleiro de Sanidade doa sangue e salienta o mantemento da taxa de doazón en Galicia dentro dos niveis recomendados pola Organización Mundial da Saúde.
Jesús Vázquez Almuiña, doou sangue esta mañá nos edificios administrativos da Xunta de Galicia en San Lázaro, acompañado pola directora da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos, Marisa López García.
O conselleiro de Sanidade lembrou o carácter xeneroso e solidario das e dos cidadáns galegos e cifrou en 111.250 doazóns de sangue as recollidas no pasado 2015, unha cifra practicamente idéntica á rexistrada no 2014 (ano que contabilizou 111.255 doazóns).
Non obstante, a cifra de doazóns do ano 2015 supón que Galicia incremente nun punto a súa taxa de doazón, con 41 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano, cifra situada dentro das recomendacións da Organización Mundial da Saúde (OMS). Vázquez Almuiña explicou que este incremento vén motivado polo descenso no número de cidadáns empadroados en Galicia, xa que a taxa de doazón calcúlase en función do padrón de cada municipio.
Reforzar o chamamento
O conselleiro de Sanidade quixo poñer de manifesto a excelente evolución dos índices de doazón en Galicia a pesares de factores como o envellecemento sociodemográfico e, neste sentido, salientou a necesidade de revitalizar o chamamento á participación activa da poboación nas campañas de doazón.
Lembrou as facilidades existentes para doar, remarcando a existencia de locais de atención permanente ao doador de sangue emprazados nas sete grandes cidades galegas, así como a presenza das dez unidades móbiles do CTG (o enlacehttp://ctg.sergas.es/Paxinas/web.aspx?tipo=paxtab&idLista=3&idContido=44&migtab=44 recolle os desprazamentos das unidades móbiles e os horarios dos locais de doazón) e convidou a todos os cidadáns a participar, alo menos, unha vez ao ano nas campañas de doazón de sangue.
Doazón de medula ósea
A Consellería de Sanidade lembra, tamén, á cidadanía da nosa Comunidade Autónoma a importancia da doazón de medula ósea. A tal efecto, o Servizo Galego de Saúde e a Fundación Josep Carreras teñen a disposición das galegas e galegos unha páxina web http://galicia.medulaosea.org que facilita os trámites de rexistro aos potenciais doadores. Deste xeito, neste enderezo electrónico poden eles mesmos apuntarse. Unha vez que se anoten serán chamados para a correspondente entrevista por parte dos profesionais sanitarios.
Poden ser doadores de medula ósea as persoas de 18 a 55 anos que non padezan ningunha enfermidade que poida ser transmitida ou por en perigo a súa vida polo feito da doazón.




