
O encoro de Trasona situado na localidade asturiana de Avilés acolle os próximos tres días os distintos selectivos programados pola Federación Española de Piragüismo para decidir os diferentes representantes para as citas internacionais do ano, con especial interese no preolímpico de Duisburg deste mes de Maio onde se outorgarán as últimas prazas que quedan libres para Brasil 2016.
Na modalidade do K1 1000 metros atópase unha das bazas galegas para acudir á cita alemá como é Roi Rodríguez do Kayak Tudense, terá como máximo rival a Francisco Cubelos e ao campión da Copa de España de abril Marcus Cooper.
Non só está en xogo a vacante individual senón que ademais os 8 primeiros clasificados formarán parte da concentración que decidirá o K4 que vai participar en Brasil.
Así mesmo decídense os compoñentes dos equipos sub 23 que participarán no campionato de Europa e do mundo desta categoría, onde son varios os deportistas con opcións. As semifinais dispútanse mañá xoves e a final será o venres ás 9:30.
O sábado será a final do K2 1000 metros na que estarán varios representantes da comunidade, Gabriel Pavón e Rubén Millán do Kayak Tudense terán que enfrontarse a embarcacións de grandísimo nivel como as formadas polo asturiano Javier Hernánz e o padeeiro do Náutico Betanzos Óscar Carrera, o vasco Iñigo Peña xunto con Rodrigo Germade, ou a parella balear manchega de Marcus Cooper e Francisco Cubelos, Carlos Pérez ‘Perucho’ tamén sairá xunto con Alvaro Fernández en busca da súa última oportunidade para volver estar nuns JJOO.
Teresa Portela buscará o billete para Alemaña na distancia de K1 500 e así sumar unha participación máis á que xa ten asegurada no K1 200, a ela únenselle as súas compañeiras de adestramento Camila Morison, Natalia García, Raquel Dacosta e Ana Varela que na actualidade realiza os adestramentos en Sevilla.
As galegas tamén serán protagonistas no K2 500 metros na que participarán tres barcos con xene autonómico, Camila Morison e Natalia García tentarán volver gañar na distancia curta para engadir unha carreira máis á conseguida no K2 1000, Ana Varela participará coa madrileña María Corbera e Raquel Dacosta xunto á estremeña Estefanía Fernández.
Na modalidade de canoa decídense os últimos postos libres en C1 1000 metros da categoría senior e no C2 Sub 23, Adré Oliveira e Diego Romero son a priori os favoritos para levar o triunfo, sen esquecernos de Brais Casas, Sergio Vallejo, Adrián Sieiro ou o asturiano do Firrete David Fernández. Pola contra en C2 sub 23 as parellas formadas por Brais Casas e Alfonso Domínguez xunto con Sergio Vallejo e Alex Fernández son as favoritas á vitoria.




