spot_img
InicioGaliciaGalicia convértese na terceira comunidade con máis humidais tras a proposta de...

Galicia convértese na terceira comunidade con máis humidais tras a proposta de inclusión das Illas Atlánticas na lista Ramsar

A Xunta investiu máis de 800.000 euros na elaboración de medio cento de estudos sobre censos de especies e biodiversidade nos Parques naturais galegos nos últimos catro anosUn total de seis espazos galegos, que suman 16.178 hectáreas, quedarán distinguidos pola Unesco con este recoñecemento de carácter internacional

A inclusión do Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas na Lista Ramsar converterá a Galicia na terceira comunidade española cun maior número de humidais distinguidos con este recoñecemento de carácter internacional, concretamente seis. Así o subliñou esta mañá a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, quen visitou o arquipélago de Cíes acompañada pola delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias.

Tras lembrar que a candidatura do Parque Nacional para entrar na listaxe de humidais de importancia internacional foi ratificada a semana pasada polo Consello de Ministros, a conselleira explicou que, con esta decisión, só Andalucía e Valencia superan a Galicia no ranking estatal de zonas Ramsar, no que ocupa o terceiro posto xunto ao País Vasco.

En total e contando xa coas preto de 8.500 hectáreas correspondentes ás Illas Atlánticas, os seis humidais galegos de importancia internacional suman 16.178 hectáreas, de xeito que a incorporación do Parque Nacional suporá duplicar a superficie galega incluída ata agora na Lista Ramsar. Cómpre lembrar que as outras zonas húmidas da Comunidade son a ría de Ortigueira e Ladrido; a lagoa e areal de Valdoviño; o complexo intermareal Umia-O Grove-A Lanzada; o complexo das praias, lagoa e duna de Corrubedo; e a ría de Ribadeo.

 

Así mesmo, tal e como subliñou Ángeles Vázquez, esta nova distinción supón tamén un pulo importante para o recoñecemento internacional da importancia e riqueza patrimoniais que atesoura este espazo. De feito, lembrou que á falta tan só de que a Unesco ratifique a súa inclusión na Lista Ramsar, as Illas Atlánticas poden presumir xa de concentrar seis das principais figuras de protección medioambiental que existen.O Parque Nacional das Illas Atlánticas incorpora dous novos exemplares ao seu proxecto de seguimento remoto do corvo mariño

En concreto, referiuse a que forma parte da Rede ÓSPAR de áreas mariñas protexidas, é Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA), tamén Zona de Especial Conservación (ZEC), conta coa declaración de Lugar de Interese Comunitario (LIC), e no ano 2002 converteuse en Parque Nacional, o único que hai en toda Galicia.

En todo caso, cómpre lembrar que este espazo tamén acumula outro tipo de recoñecementos notables, como a Carta europea de turismo sostible, a consideración de destino Starlight pola calidade do seu ceo nocturno, ou o selo Observer de turismo científico.

Ademais, a intención da Xunta é que a actual lista de mencións siga crecendo xa que, como indicou a conselleira, o Parque Nacional das Illas Atlánticas tamén opta á declaración como Patrimonio da Humanidade, a única candidatura española incluída desde 2018 na lista indicativa que toma como referencia a Unesco para decidir as novas proclamacións.

Un humidal raro e único

Tal e como avalan os traballos realizados pola Xunta para avalar a candidatura das Illas Atlánticas a zona Ramsar, Ángeles Vázquez lembrou que este espazo cumpre todos os criterios fixados para ser humidal de importancia internacional, sobre todo como hábitat de aves acuáticas.

Cómpre lembrar que a Lista Ramsar é un inventario de prestixio internacional que integra as zonas húmidas máis relevantes de todo o mundo tanto desde o punto de vista do seu interese ecolóxico como pola súa transcendencia para a conservación da biodiversidade.

Preto de 50 voluntarios recollerán información sobre os usos do medio mariño e as aves mergulladoras das Illas Atlánticas
Vista da praia de Rodas dende o miradoiro

Precisamente, parte da visita desta mañá polas Cíes discorreu en barco para poder chegar ata a illa este, na que se concentran algunhas das zonas húmidas máis relevantes de todo o arquipélago e que avalan a súa recente proposta como nova zona Ramsar, tal e como explicou o ornitólogo e recoñecido divulgador ambiental Ignacio Munilla.

Así, entre os principais valores e características que avalaron a candidatura das Illas Atlánticas cómpre subliñar o feito de ser un exemplo representativo, raro e único de humidal natural, grazas á extensa rede de furnas mariñas que se localizan nas illas Cíes e Ons.

De igual xeito, a gran espectacularidade paisaxística do conxunto defíneo como un espazo excepcional cun elevado valor faunístico e florístico, no que está confirmada a presenza de case 1.500 taxóns: 416 de flora -un 61% deles algas-, e 1.076 de fauna -o 79%, invertebrados-.

Tamén sustenta poboacións de especies vexetais e animais importantes para manter a diversidade biolóxica, destacando unha particular abundancia de aves acuáticas. De feito, estas illas albergan de xeito regular un 1% de todos os individuos existentes de dúas especies: a gaivota patiamarela e o cormorán moñudo.

 

Ademais, o Parque Nacional, conformado polos arquipélagos de Cíes, Ons, Cortegada e Sálvora, integra unha variada vexetación, coa presenza de polo menos sete especies de flora vascular asociadas a humidais ameazados e 34 endemismos –área de distribución única e limitada que alberga unha especie de planta ou animal-, algúns deles exclusivos.

- Publicidade -spot_img