spot_img
InicioPontevedra e ÁreaFinal feliz para Lara e os seus 7 cachorros

Final feliz para Lara e os seus 7 cachorros

Final feliz para Lara e os seus 7 cachorrosLara e os seus sete cachorros xa están a salvo no Centro de Acollida Caan da Deputación de Pontevedra. A cadela, abandonada coas súas crías nunha zona de escombros no concello de Crecente, foi rescatada xunto a súa camada polo persoal do Caan despois de varios días de traballo e paciencia, xa que estaba nunha zona practicamente inaccesible.

Lara non tiña posibilidade de acceder a auga e comida para poder aleitar aos seus cachorros, polo que corrían risco de falecer. O persoal do CAAN tivo que desprazarse en máis dunha ocasión ao lugar, xa que nas primeiras non se puido recoller á nai dada a dificultade de acceso á zona e a que a cadela se mostraba agresiva. Finalmente, grazas á que se fixeron tarefas para retirar os escombros, puideron rescatar aos animais que agora se recuperan no centro da Armenteira. Tanto os cachorros, catro femias e tres machos, como a nai están en relativo bo estado a pesar das circunstancias. A cadela foi bautizada polo persoal do centro como Lara e os cachorros son Pipa, Pina, Piña e Fina (as femias) e Fino, Fin e Finón (os machos).

Desde a entrada en vigor do Estado de Alarma o Centro de Acollida de Armenteira realizou 23 recollidas de animais consideradas de atención necesaria. O centro mantense pechado ao público e as adopcións seguen suspendidas.

Lembramos que o Centro de Acollida e Protección de Animais da Deputación de Pontevedra segue pechado ao público e ten as adopcións suspendidas desde a entrada en vigor do Decreto do Estado de Alarma polo COVID-19, pero mantén o seu servizo de lacería para casos de atención necesaria como este. Desde o pasado 14 de marzo o CAAN, que sostén a súa actividade de atención e coidado aos 300 cans e cadelas que acolle actualmente, levou a cabo 23 recollidas de animais que se enmarcan nos supostos de atención necesaria: casos con animais feridos, potencialmente perigosos, animais mantidos en instalacións municipais non habilitadas para o seu coidado, animais libres que poidan causar accidentes ou lesións e actuacións de emerxencia requiridas polo poder xudicial e os corpos e forzas de seguridade.

As recollidas destes días foron realizadas nos concellos de Marín, Caldas, Redondela, Nigrán (2), Baiona, Meaño, Soutomaior, Meis (2), A Estrada, Mos, Campo Lameiro, Fornelos, A Cañiza e Crecente (8). En cinco casos  (Marín, Caldas, Meis, Mos e un en Nigrán), os cans puideron ser devoltos aos seus propietarios. Neste senso, desde a institución provincial prégase aos propietarios e propietarias de cans que estes días estremen as precaucións ao saír a pasear coas súas mascotas, a fin de evitar o extravío dos animais e as consecuentes situacións de risco para eles e para as persoas que poden derivarse da situación.

Doutra banda, dentro das medidas adoptadas co Estado de Alarma, no centro da Armenteira reduciuse a presenza física ao mínimo persoal necesario, que traballa coas medidas hixiénicas, de protección e distancias de seguridade en quendas diferenciadas por actividades. Así mesmo, establecéronse servizos indispensables para a limpeza das instalacións e a alimentación e atención veterinaria permanente dos animais.

- Publicidade -spot_img

[adrotate group="3"]
[adrotate group="2"]
[adrotate group="4"]
[adrotate group="5"]

Información das cookies

Este sitio web utiliza cookies para que poidamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies gárdase no teu navegador e realiza funcións como recoñecelo cando volves ao noso sitio web e axudar ao noso equipo a comprender que seccións do sitio web che resultan máis interesantes e útiles.